DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 200 docentes participarán no XV Symposium da Rede Reppe

Un simposio internacional analizará o presente e futuro das prácticas académicas

Desenvolverase en Poio entre o 10 e o 12 de xullo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 04/07/2019

Presente e retos de futuro é o título da XV edición do Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas, que, entre o 10 e o 12 e xullo, reunirá máis de 200 docentes e investigadores no Mosteiro de Poio para debater sobre este complemento formativo das titulacións universitarias. O obxectivo deste foro, explica a profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e secretaria académica do simposio, Manuela Roposo, é “abordar os aspectos que máis interesan a todos os axentes que interveñen nas prácticas en empresas”. A través do debate, a presentación de investigacións e o intercambio de experiencias, o simposio busca nese senso “identificar as tendencias que marcarán a evolución do prácticum nos próximos currículos formativos”.

Deste xeito, entre as cuestións a abordar nas súas diferentes conferencias, mesas de debate e talleres figuran “os desafíos” que implican neste ámbito as Tecnoloxías da Información e da Comunicación, a presentación de experiencias innovadoras, “a colaboración entre universidades no ámbito internacional e a xestión das relacións coas empresas e entidades”, sinala Raposo. Do mesmo xeito, afondarase tamén na adquisición de competencias profesionais, nas prácticas nos programas de posgrao, nos sistemas de garantía de calidade ou no que supón esta experiencia “desde a perspectiva do estudantado”. 

De carácter bienal, a organización deste simposio internacional corre a cargo da Asociación para o Desenvolvemento do Prácticum e das Prácticas Externas: Rede de Prácticum (Reppe), coa participación das universidades de Vigo, Santiago, A Coruña, País Vasco, Valencia, Málaga e Ramón Llull de Barcelona. “Intentamos recoller a tradición de máis de 25 anos do Symposium coas respostas ás necesidades actuais que implica o novo escenario das prácticas”, salienta Raposo, que incide na vontade do comité organizador, presidido polo profesor da UPV Agustín Erkizia, de incorporar a este foro “elementos innovadores que permitan aproveitar o novo escenario que se abriu na universidade coa incorporación da materia de prácticas externas na maioría dos graos e másters”.

Conferencias, debates, talleres e máis de 100 comunicacións

O programa deste XV Symposium Internacional abrangue por unha banda as conferencias das representantes do grupo de traballo sobre emprego da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), Nuria Grané e Lucila Finkel; dos profesores Tom Piñeros, da University of Massachusetts Lowell, e Carles Simó, da Universitat de Valencia, e do catedrático da USC Miguel Zabalza. A estas súmanse dúas mesas redondas, sobre formación dual universitaria e sobre os desafíos que afrontan as prácticas, nas que participarán responsables de diferentes universidades e institucións educativas de España, Francia e Portugal. Entre eles e elas, a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, que analizará o prácticum e as prácticas desde unha perspectiva de xénero.

Por outra banda, o programa do congreso complétase coa celebración de seis talleres de carácter práctico, “que abordan diferentes aspectos das prácticas, desde elementos que determinan a titoría a tecnoloxías aplicadas ao seguimento e avaliación das prácticas, xunto coa celebración de tres “simposios autoorganizados”. Así mesmo, presentaranse no simposio un total de 105 comunicacións, ámbito no que a organización buscou potenciar a “participación virtual mediante a presentación dos traballos en formato vídeo”, á vez que recollerá unha selección dos traballos presentados na súa revista electrónica