O vindeiro 28 de xaneiro ás 12.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
A Universidade conmemorará San Tomé premiando aos seus 150 mellores estudantes
Preto de 150 estudantes de grao, mestrado e doutoramento recibirán o vindeiro 28 de xaneiro a homenaxe da comunidade universitaria, no transcurso do acto de celebración do patrón da institución, San Tomé de Aquino. Ás 12.00 horas no salón de actos da Facultade Ciencias Económicas e Empresariais dará comezo un acto académico no que se entregarán os 45 premios extraordinarios de grao, 23 premios extraordinarios de doutoramento e seis premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster. A estes galardóns súmanse as distincións aos mellores expedientes do alumnado de novo ingreso: 60 premios de excelencia para o estudantado que comezou neste curso os estudos de grao e 15 de para os que comezaron un mestrado.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e varios membros do equipo de goberno serán os encargados de entregar medallas e insignias ás e aos premios extraordinarios fin de grao e de doutoramento, mentres que as e os galardoados cos premios de excelencia académica de grao e mestrado ao alumnado de novo ingreso recibirán un diploma. A cerimonia completarase co discurso do reitor, no que fará un repaso polo fitos máis importantes do pasado ano 2019, e coa actuación musical de Son Trío. O acto pecharase co acto coa tradicional interpretación do Gaudeamus Igitur.
O acto académico da festividade de San Tomé de Aquino coincide nesta ocasión co propio día da efeméride, polo que será día festivo na Universidade de Vigo o día anterior, o 27 de xaneiro, no que as instalacións dos tres campus permanecerán pechadas.