DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As persoas matriculadas terán acceso ás titorías, exames e a todo o material en inglés

A Universidade lanza un catálogo con 150 materias ‘English Friendly’ para o alumnado internacional

O Plan de Internacionalización incrementa nun 11% a oferta de disciplinas que se imparten totalmente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
D. Besadío DUVI 05/07/2019

Este curso arrancou na Universidade de Vigo coa estrea de dúas titulacións con máis do 80% da docencia en inglés e para o 2019-2020 a institución vai dar novos e importantes pasos no seu proceso de internacionalización. Dunha banda, increméntase nun 11% a oferta de materias en inglés dos diferentes graos – que alcanza así a cifra de 138 - e, da outra, lanza un catálogo de 146 materias English Friendly, disciplinas nas que a lingua vehicular é o castelán e/ou o galego, pero nas que os seus docentes se comprometen a que o alumnado poida acceder na lingua de Shakespeare non só á guía docente, senón tamén ás titorías, ás diferentes probas de avaliación e a que se lles faciliten neste idioma materiais e referencias bibliográficas para o seguimento da materia. 

Esta aposta, pioneira na universidade galega, pero que xa foi implantada en diferentes universidades españolas (País Vasco, León, Burgos, La Rioja...) busca converterse nunha ferramenta máis dirixida a facilitar a integración do alumnado internacional na propia Universidade de Vigo, unha axuda non só para o alumnado de fala inglesa, senón para calquera moza ou mozo europeo ou asiático que queira mellorar o seu español pero coa seguridade de que non vai ter problemas para realizar o seguimento das clases.

“Foi a primeira vez que se lanzou esta convocatoria e a resposta do profesorado foi moi positiva”, subliña a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, ao tempo que explica que esta iniciativa foi “especialmente ben recibida” entre o profesorado que xa ofrecía por propia iniciativa ese reforzo en inglés “tanto en forma de titorías, como de materiais e de posibilidade de avaliación nesa lingua aos estudantes de intercambio que o precisaban, pero sen que constase de forma oficial”. Agora, co catálogo xa dispoñible para a súa consulta en liña, as alumnas e alumnos estranxeiros que o curso que vén reciban parte da súa docencia na Universidade de Vigo teñen a posibilidade de matricularse nas materias English Friendly e comezar as súas clases coa seguridade de que non van ter problemas de comunicación co seu docente, nin tampouco co seguimento das clases.

14 graos nun programa piloto con axuda ‘extra’ para o profesorado

Nesta primeira fase de implantación do programa de materias English Friendly púxose en marcha un proxecto piloto, para o que se escolleron catorce graos –cinco en Ourense, cinco en Vigo e catro en Pontevedra- nos que se lle ofrece ao  profesorado que se sume ao programa axuda extra na revisión da tradución da guía docente e a posibilidade de participar nun programa ‘one to one’ que simulará un escenario de titoría con estudantes internacionais. 

O criterio utilizado para a selección dos graos do proxecto piloto foi o de elixir aqueles que no curso 2017-2018 tiveron menos de 1% de mobilidade entrante. “A nosa intención é a de facelos máis atractivos para os estudantes internacionais que encaixen no perfil de alumno/a que quere unha inmersión lingüística en galego ou castelán, pero que precisa un reforzo en inglés para poder superar a materia axeitadamente”, explica Laura Movilla, directora da Área de Internacionalización, ao que engade que o obxectivo é estender o proxecto piloto progresivamente a todos os graos. 

En total o curso que vén impartiranse en inglés máis de 200 materiais 

No caso das materiais que no curso 19-20 se van impartir integramente en inglés o catálogo ascende a máis de 200. Dunha banda hai que contabilizar a oferta de materias de grao incluídas dentro do Plan de Internacionalización (115 no campus de Vigo –sen contar centros adscritos-, 13 no de Pontevedra e dez no de Ourense) e, da outra, as arredor de 80 disciplinas que se imparten neste idioma nos diferentes mestrados.

A todo isto hai que sumar que, dentro do Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia Ultreia 2020, na Universidade de Vigo impártense dúas titulacións con máis do 80% da docencia en inglés: o Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais e o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, titulacións que o vindeiro curso académico arrancarán xa co segundo curso da titulación. “O inglés é a linguaxe da enxeñaría e, polo tanto, a docencia nesta lingua representa un valor engadido nunha formación integral, non só técnica, que lle permitirá ao alumnado mellorar a súa inserción laboral”, subliñaba ao inicio do curso o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, ao que o seu homólogo na EE de Telecomunicación engadía que “cando estes alumnos/as se titulen non terán que falar cos seus posibles empregadores do seu nivel de inglés, xa que no seu currículo figurará que estudaron neste idioma”.