DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración coa empresa viguesa Dinak, punteira no sector das chemineas

A Universidade participa nun proxecto que consegue reducir o impacto ambiental das caldeiras domésticas de biomasa

Deseñado xa un primeiro prototipo, a idea é que chegue ao mercado nun prazo de arredor de dous anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 07/03/2019

Buscábase un sistema capaz de reducir as emisións contaminantes das caldeiras domésticas de biomasa, reducindo o seu impacto ambiental e os posibles efectos prexudiciais sobre a saúde, e cumpríronse os obxectivos. Esta semana tivo lugar no campus de Vigo a reunión de peche do proxecto de investigación Sirep –Sistema intelixente de retención electroestática de partículas-, un traballo liderado pola empresa viguesa Dinak, punteira no sector das chemineas, e no que participou o Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Universidade de Vigo, que prestou apoio e asesoramento no desenvolvemento da tecnoloxía vinculada aos procesos requiridos para o desenvolvemento do prototipo final do proxecto.

O obxectivo fundamental deste traballo, posto en marcha en febreiro de 2016, era identificar, deseñar, modelar e desenvolver un prototipo de filtrado e retención de partículas óptimo, baseado en tecnoloxía electroestática (ESP, ElectroStatic Precipitators) a aplicar en caldeiras de biomasa de baixa potencia. “O sistema de filtros electroestáticos para retención de partículas non é algo novo no mercado, de feito, é unha tecnoloxía coñecida e cunha alta difusión industrial, pero que, ata o momento, non se emprega en instalacións de pequena potencia debido a cuestións económicas”, explica David Patiño, investigador do grupo GTE. “O reto deste traballo era tratar de escalar eses equipamentos a instalacións pequenas cunha economía de escala, é dicir, a baixo custe, tanto desenvolvendo a parte mecánica como a eléctrica, relacionada coa fonte de alta tensión”, engade o investigador, subdirector da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, centro no que tivo lugar a reunión.

Orzamento de 700.000 euros e dispositivo piloto en funcionamento

O proxecto contou cun orzamento de preto de 700.000 euros,  dos cales 367.000 foron subvencionados a través da convocatoria 2016 do programa Conecta Peme da Xunta de Galicia. Transcorridos tres anos desde a súa posta en marcha, os coordinadores salientan que se cumpriron os obxectivos marcados inicialmente, tanto a nivel de funcionamento do sistema, como de custes económicos asumibles para unha instalación de tipo doméstico. Chegado este punto cóntase xa cun dispositivo piloto en funcionamento que pode ser implantado nos equipos de conversión comerciais, sen necesidade de modificar o deseño da caldeira, e a idea é que nun período de arredor de dous ou tres anos poida estar xa operativo no mercado.

O traballo do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas centrouse, sobre todo, en dar apoio ás empresas no desenvolvemento dun filtro electroestático de retención de partículas. “Colaboramos en todo o que foi o deseño do equipo e tamén na fase de proba en instalacións reais de biomasa, tanto na parte de desenvolvemento do filtro de partículas como no da toma de alta tensión, que é unha das partes máis importantes do proxecto, así como na aplicación móbil para rexistrar os datos e poder controlar o equipo a distancia”, recalcou Patiño.

David Patiño: “Conseguimos un sistema que funciona ben”

Satisfeitos cos resultados acadados, “conseguimos un sistema que funciona ben”, a idea é seguir traballando para solucionar certas cuestións que aínda deben mellorarse.  Neste senso, o equipo responsable do proxecto sinala que a parte que aínda non está resolta de todo é a relacionada coa fonte de alta tensión, que foi onde se atoparon máis problemas, e aí é onde centrarán os esforzos a partir de agora, para o que tentarán buscar financiamento que permita a continuación destes traballos. “A idea é seguir colaborando é que estes resultados cheguen ao mercado nun prazo curto”, salienta o investigador, ao tempo que insiste en que “se todo vai segundo o previsto”, estes equipos poderían chegar ao mercado nun período non moi longo.

Desde o grupo GTE manteñen unha longa traxectoria de colaboración co mundo da empresa. Neste proxecto, contaron como socios, ademais de Dinak, da firma GRG-Dos más dos, como empresa experta en software de control de procesos, e ATI, especializada no ámbito da electrónica e a electricidade de control. “Son firmas coas que temos colaborado en diferentes proxectos, sempre bastante produtivos, e agardamos que isto sexa así”, recalca David Patiño.