DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acordo foi asinado este venres polo reitor, Manuel Reigosa, e a alcaldesa, María Ramallo

Universidade de Vigo e Concello de Marín asinan un convenio de colaboración para coordinar esforzos 

O seu obxectivo é promover unha cooperación que busque unha aplicación práctica do coñecemento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 22/02/2019

Universidade de Vigo e Concello de Marín asinaron este venres un convenio marco de colaboración co propósito de promover a cooperación entre ambas institucións e “coordinar esforzos”, como salientou a alcaldesa deste localidade, María Ramallo, tras rubricar, xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, este acordo marco que ten unha duración de catro anos. “Como institución que ten que velar polos intereses públicos, estamos encantados das vías de colaboración que se abren con este convenio”, engadiu Reigosa, quen lembrou a proximidade de Marín ao campus de Pontevedra, así como á presenza na Escola Naval Militar do Centro Universitario da Defensa, adscrito á institución viguesa, “que fan a cidade sexa un socio prioritario para nós”.

A sinatura deste convenio marco tivo lugar no Concello de Marín, nun acto que contou coa participación do vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e do tenente de alcalde Manuel Santos. Trala rubrica do documento, o reitor salientou que “a nosa vocación como Universidade é tamén que poidamos axudar ao territorio a medrar e a conseguir melloras sociais para as cidadanías”, motivo polo que se amosou “encantado” das iniciativas que poidan xurdir a partires deste documento ou de posibles convenios específicos que poidan impulsarse a partires deste acordo marco. 

Ramallo, pola súa banda puxo o acento en que esta iniciativa busca ir máis aló das colaboracións puntuais, para tratar “de coordinar esforzos”, para “aproveitar a enerxía que ten a Universidade, poñer en valor o seu coñecemento e tentar que sexa aplicable ademais a moitas das competencias que temos nos concellos e que redundan no beneficios dos cidadáns”. Nese senso, a alcaldesa salientou que este acordo “debe ser o inicio dunha extensa e longa amizade” que faga posible “poder acudir a un campus tan próximo, que pode alimentar, por así dicilo, moitas das políticas ou das estratexias que se marquen a futuro desde os concellos”.

Un acordo marco para promover a colaboración en diferentes eidos

Partindo do interese común destas dúas institucións por promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade, este convenio marco ten como propósito, segundo se recolle no texto, instrumentar e regular as relacións entre a Universidade e Concello mediante a eventual subscrición de convenios específicos. O desenvolvemento de proxectos de investigación, a organización de actividades académicas, o apoio a investigadores ou estudantes, a colaboración en proxectos culturais, a promoción de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a mobilidade do alumnado e do persoal docente constitúen nese senso algúns dos ámbitos nos que ambas institucións expresan a súa vontade de colaboración neste documento, tralo que se constituirá unha comisión mixta, con representantes de ambas institucións, encargada da planificación, seguimento e avaliación das accións derivadas deste convenio marco.