DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun estudo coordinado pola profesora Julia Armesto e inserido na Cátedra Álvarez-Ossorio

O uso de tecnoloxía Lidar nun dron permite detectar en Tambo árbores de 50 metros

O procesado de 12 millóns de puntos permitiu realizar un “mapa 3D” da parte oriental da illa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/01/2020

Obter datos topográficos, coñecer a evolución das deposicións de area na costa ou analizar a estrutura e situación das masas forestais e da vexetación da illa de Tambo. Estes son algunhas das posibilidades que outorga o “mapa tridimensional” que a profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Julia Armesto e o investigador Daniel Míguez elaboraron da parte oriental da illa despois de procesar os preto de 12 millóns de puntos obtidos nas medicións realizadas empregando, por primeira vez en Tambo, tecnoloxía Lidar a bordo dun dron. Enmarcado na Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a Universidade de Vigo desenvolve conxuntamente coa Escola Naval Militar de Marín, o estudo realizado coa colaboración da empresa Cartogalicia permitiu xerar “modelos dixitais tridimensionais do terreo e da vexetación”, como explica Armesto, da franxa oriental da illa. Cunha resolución de preto de 100 puntos por metro cadrado, esta medición posibilitou, entre outros aspectos, determinar os puntos da illa con maior vexetación ou mesmo, cunha metodoloxía de procesado propia, a altura das árbores desta parte da illa, na que se poden atopar eucaliptos de preto de 50 metros de altura. 

Trátase, como sinala Armesto, da “primeira medición que se realiza en Tambo con Lidar”, un sistema baseado na emisión dunha serie de pulsos de luz láser que, ao impactar cun obxecto sólido, “devolven un sinal de retorno con coordenadas x, y e z para cada un dos puntos”. O posterior procesado da “nube de puntos” resultante permite, sen necesidade de desprazarse ao lugar en cuestión, “realizar unha análise topográfica do territorio, caracterizar e cuantificar os recursos forestais ou detectar estruturas resultado da actividade do home”, explica a investigadora. 

Do traballo de campo á posterior análise

As medicións que deron pé ao estudo realizáronse o pasado mes de xullo na illa, no marco dunha actividade formativa “orientada á aplicación de tecnoloxías cartográficas en dinámicas costeiras” que Armesto imparte no programa de doutoramento do Campus do Mar. Coa colaboración da Escola Naval Militar, a Vicerreitoría do campus e Cartogalicia levouse a cabo este proceso de “adquisición de datos” do que saíu “un listado enorme, de 12 millóns de puntos”, que nos meses seguintes Armesto e Míguez trataron de converter “en datos útiles, interpretables e comparables”. 

Este traballo permitiu por unha banda realizar “unha análise das alturas da vexetación”, coa que observar “como algunhas árbores alcanzan ou superan os 50 metros". Tamén foi posible coñecer en que medida os solos da illa están cubertos por vexetación e sinalar aqueles puntos do terreo “nos que estaba todo cuberto por un mato moi denso e moi alto”, unha información valiosa, lembra Armesto, “de cara á prevención de lumes”.

Do mesmo xeito, esta análise permitiu detectar estruturas que pola súa xeometría “denotan que son o resultado da actividade humana”, permitindo coñecer, por exemplo, as medidas e dimensións das ruínas dunha antiga capela ou dunha caseta existentes na illa, así como o grao no que están cubertas por vexetación. A análise dos datos permitiu tamén realizar unha análise topográfica do territorio, coñecer as súas pendentes, ver “as variacións de deposicións de area na costa” e “detectar camiños e valorar a súa accesibilidade”, ao determinar que zonas se atopaban cubertas por vexetación e en que grao. 

Metodoloxía de procesado propia

No relativo ás masas forestais, explica Armesto, estas tecnoloxías “permítennos caracterizar e cuantificar os recursos”, facendo posible tanto coñecer a situación e dimensións das árbores como estimar a cantidade de madeira existente. De feito, este estudo levou a Armesto e Míguez a “traballar en métodos de detección de árbores individuais”, tendo en conta que Tambo “é unha zona non intervida desde hai décadas, que non está suxeita a un réxime de explotación e na que segregar a copa dun individuo fronte á doutro é difícil ata visualmente”. Como explica, os algoritmos desenvolvidos para esta identificación “noutras zonas con máis tradición de explotación forestal” foron deseñados para coníferas, “que, desde o punto de vista matemático, teñen unhas copas máis facilmente recoñecibles”.  De aí que o estudo lles levase tamén a comezar a traballar “nun sistema para detectar individuos”, adaptado a masas arbóreas “non estruturadas” como as de Tambo. “É algo no que temos que seguir traballando, pero nas zonas menos densas si fomos quen de facer esa identificación e de verificar as alturas das árbores, logrando unha aproximación bastante razoable, cun erro do 6%”, salienta a docente. 

Unha liña de traballo que ampliar

Os resultados obtidos do procesado desta nube de puntos foron abordados nunha presentación, o pasado mes de outubro, ante os responsables da Escola Naval Militar e o vicerreitor de campus, Jorge Soto. Esta xuntanza, explica Armesto, permitiu tanto amosar “as posibilidades de análise da nube de puntos”, como a formulación de “novas ideas de colaboración”, co propósito de “seguir traballando neste ámbito e profundar naquelas liñas que interesan máis” á ENM.