A Facultade de Bioloxía acollerá este venres a IV Olimpíada Galega de Bioloxía organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, as tres universidades galegas e a Xunta. “É para a Universidade de Vigo, en especial para a Facultade de Bioloxía, unha honra albergar un certame coma este”, declara o decano, Pedro Pablo Gallego. É o primeiro ano que estas olimpíadas se celebran na cidade olívica, “un evento que supón unha oportunidade importante para darnos a coñecer en todos os recunchos de Galicia, dende Burela ata a fronteira con Portugal”, subliña.
“Este ano o comité organizador seleccionou a 76 estudantes de segundo curso de Bacharelato de toda a comunidade”, sinala Pedro Nozal, delegado da olimpíada en Galicia. Procedentes maiormente de Vigo, Coruña e Santiago, “son todos eles ilustres alumnos, cunha nota media na materia de Bioloxía de 9,3 e un expediente de 8,8”, explica Nozal.
13/01/2009