DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes abre a inscrición para os campionatos de PDI e PAS

Disputaranse nas modalidades de bádminton, baloncesto mixto, fútbol sala feminino e fútbol 7 masculi

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 14/01/2009
Unha vez máis máis, o Servizo de Deportes ofrece ao persoal de administración e servizos e docente investigador a posibilidade de comezar o ano dun xeito saudable, practicando deporte e sentíndose mellor fisicamente, participando nos campionatos internos nas modalidades de bádminton, baloncesto, fútbol sala e fútbol 7.
O torneo desenvolverase entre os días 9 de febreiro e 30 de abril en horario, preferentemente, de 14.00 a 16.00 horas nas instalacións deportivas correspondentes. Nos deportes de equipo, excepto en fútbol 7, cada conxunto xogará como local no seu propio campus e o sistema de competición será o de liguiña entre os xogadores ou equipos participantes, na que se inclúe unha fase final por eliminación que se disputará en Vigo. O gañador de cada modalidade será quen represente á Universidade nos Campionatos Galegos e de España Universitarios de PDI e PAS.
O prazo de inscrición seguirá aberto ata o vindeiro venres 30 de xaneiro, o proceso deberá realizarse ben por fax, a través do número 986814061, ou por correo electrónico, no enderezo deportes@uvigo.es adxuntando a folla de inscrición cuberta con todos os datos.

Catro modalidades deportivas para homes e mulleres

O pasado curso o torneo celebrouse de febreiro a maio cunha participación total de 144 persoas repartidas en seis equipos de fútbol 7 masculino, dous de baloncesto masculino e catro de fútbol sala. Bádminton, baloncesto mixto, fútbol sala feminino e fútbol 7 masculino compoñen a oferta deste ano, máis aberta e plural.
Para cada unha das modalidades elaborouse un regulamento a seguir para o correcto xogo, non obstante, todo o non previsto neste documento resolverase segundo as regras da federación deportiva correspondente.
No bádminton, o número de xogadores por equipo será de dous máximo, no baloncesto mínimo sete e máximo doce o mesmo que no fútbol sala e, para o fútbol 7 o conxunto estará composto de entre dez e dezaseis xogadores; ademais, nestes tres últimos estará presente a figura dun adestrador/delegado. Nos deportes de equipo, no caso de deixar algunha praza libre, poderase inscribir a novos participantes ata completar o máximo permitido regulamentariamente antes da data do comezo do seu primeiro partido.