DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Interviñeron no Edificio de Ciencias Experimentais ao abeiro dunha rolda de relatorios para afondar

O reitor, Alberto Gago e a vicerreitora, Carmen García Mateo, explican á comunidade universitaria “que é e que non é Boloña”

Prezos, plan de estudos e prácticas foron algunhas das cuestións clarexadas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 15/01/2009

O campus de Vigo foi o escenario elixido hoxe para afondar na explicación do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. No marco dunha rolda de visitas ás escolas e facultades, que comezou onte en Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, o reitor, Alberto Gago e a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo ofreceron este mediodía un relatorio no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais baixo o título EEES: en defensa da universidade pública co obxectivo de que os membros da comunidade universitaria, especialmente os estudantes, resolvan todas as súas dúbidas e teñan as ideas clarexadas acerca do tema. “Estamos hoxe aquí porque é a nosa obriga, porque hai un debate importante respecto ao novo Espazo Europeo”, comezaba dicindo Gago. “Son reitor dunha universidade pública, non me interesa que nada a prexudique e o EEES é positivo para os estudantes desta institución”, engadía. Ata o de agora xa son 46 países os que asinaron o tratado de Boloña.

Que é Boloña?

A vicerreitora encargouse de explicar “que é Boloña” e o reitor expuxo “que non é Boloña”. Deste xeito, García Mateo comezou comentando as orixes do proceso ata chegar á situación actual e definiu os tres puntos nos que se basea o EEES: “trátase dunha única estrutura de títulos, o grao e os mestrados, cunha mesma unidade de medida, o crédito ECTS e un mesmo Certificado de Estudos, o Suplementos Europeo ao Título”, sinalaba. “Estas tres ferramentas son as que posibilitan a construción dun sistema armonizado onde o alumno pase a ser o eixo dun proceso de aprendizaxe continuo”, aseguraba a vicerreitora. Uns sistemas educativos compatibles, o recoñecemento efectivo das cualificación académicas e profesionais, a facilidade de empregabilidade fronte ao emprego e a promoción dunha dimensión europea da Educación Superior son os principios de Boloña.
Ademais, García Mateo quixo lembrar a implantación con éxito deste novo sistema nos tres primeiros cursos de Belas Artes, “cunha aceptación por parte do alumnado do 90%” remarcaba. No vindeiro curso comezarán os 24 títulos de grao previstos, que son unha transformación das titulacións xa existentes e no 2010-2011 os novos. A vicerreitora subliñou tamén que “a ningún estudante se lle vai obrigar a pasar da licenciatura ou diplomatura ao grao” e recordou que “a data límite para extinguir as titulacións actuais é o 30 de setembro de 2015”.
Con motivo de atoparse no Edificio de Ciencias Experimentais, García Mateo animou a que todos os alí presentes a consultar as memorias dos tres graos que se implantarán nesas facultades: Bioloxía, Ciencias do Mar e Química, pois “describen un proxecto formativo vivo e o compromiso inicial da universidade da súa posta en marcha”.

Que non é Boloña?

Alberto Gago deixaba claro dende o comezo que “Boloña non significa privatización nin mercantilización nin unha universidade pública máis cara e elistista, nin devaluación da ensinanza nin tampouco o fin das Humanidades, cuestións todas elas que están no debate cotián”.
En canto á privatización e mercantilización “non hai que temer” sinalou o reitor, quen amosou a intención de que todos os estudantes de grao fagan prácticas en empresas e institucións, “queremos e necesitamos máis colaboración”. Polo que respecta aos mestrados, “contamos neste momento con más de 160 convenios asinados, pero aínda non son suficientes”. Ademais, recordou a existencia de cátedras externas e proxectos e contratos de I+D+i. “O obxectivo é seguir progresando nesta liña de colaboración, é a nosa obriga”.
“O prezo do crédito europeo será o mesmo ca o actual”, aseguraba Gago; e no caso dos mestrados, este deixa de ser un elemento de diferenciación social, “a ganancia democrática é considerable, pois trátase dun título público a prezo público (1.300 euros) e cun programa de bolsas e préstamos a fondo perdido”, deste xeito a barreira económica e social disólvese.
“Parécenos que o proceso de armonización europea é o referente de calidade que necesita a Universidade de Vigo”, foi a mensaxe final do reitor á que proseguiron as preguntas do público, maiormente estudantes, centradas en cuestións como o programa de préstamos, o cambio da licenciatura ao grao ou a calidade da ensinanza.