DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun programa centrado no compositor italiano

O Coro Universitario encheu o Centro Cultural Caixanova co concerto UVIGOVERDI

Interpretaron por segunda vez en España o "Oberto Conte di San Bonifacio"

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 14/01/2009

O Coro Universitario celebrou esta noite de mércores a súa maioría de idade cun concerto no que, por primeira vez en 18 anos, se atreveron coas composicións de Giuseppe Verdi. E o reto saldouse con sensacións moi positivas, cun Centro Cultural Caixanova ateigadode público e moitos folgos para seguir avanzando nesta nova etapa dirixida pola mezzosoprano Nuria Lorenzo.
O programa do concerto UVIGOVERDI fixo un percorrido pola obra do compositor italiano incluíndo catro pezas clásicas que permitiron ao Coro, acompañado pola Orquestra Clásica de Vigo, ofrecer un verdadeiro concerto de ópera. Con todo, esta actuación representou para todos os membros co Coro Universitario un verdadeiro reto xa que segundo comentou a directora, Nuria Lorenzo, “Verdi é un dos músicos máis complexos á hora de interpretar e implica unha técnica moi traballada”. Neste sentido, cabe subliñar a esforzo realizado por todos os membros do mesmo, xa que moitos deles se enfrontaron a este clásico da ópera sen contar cun formación especializada.
Pero esta primeira actuación conxuntamente coa Orquestra Clásica dirixida por Manuel Martínez resultou un éxito e unha experiencia máis para poder seguir traballando e potenciando a formación musical de toda a comunidade universitaria. Entre o público asistente atopábase o reitor da Universidade, Alberto Gago e a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza. Esta última, encargada de presentar o evento, subliñou "o pracer que supón ser recibidos xa con ovacións nun sesión tan especial como esta, preparada con enorme esforzo e ilusión que agardamos gozar en plenitude".

O repertorio de UVIGOVERDI

O Coro abriu UVIGOVERDI coa sinfonía e os coros números 1, 5, 10 e 13 de Oberto Conte di San Bonifacio (Milán, 1839), a primeira ópera que compuxo Verdi interpretada en España tan só nunha ocasión. Na segunda das pezas, Gran finale II e Marcia trionfale de Aída (O Cairo, 1871), actuou en solitario a Orquestra. A continuación, co acompañamento da directora e mezzosoprano, Nuria Lorenzo, o Coro interpretou Il Trovatore (Roma, 1853), o número 4 Coro di Zingari e Aria “Stride la vampa!” e, por último, a sinfonía e os coros números 1 e 11 de Nabucco (Milán, 1842). O broche final do concerto púxoo o Preludio da Traviata.

18 anos de vida

Fundado en 1990 o Coro Universitario ten como obxectivo contribuír á potenciación da formación musical do alumnado así como de realizar un labor de difusión cultural máis aló do marco da propia Universidade e solemnizar os seus actos académicos. Neste tempo, o seu repertorio acada xa arredor das 150 obras, entre as que se poden atopar estilos e músicas variadas, dende a clásica ata a clásica moderna, a canción latinoamericana, os espirituais ou adaptacións de coñecidas pezas corais tradicionais.
Para pertencer ao Coro Universitario non é imprescindible ter coñecementos previos de música, só se esixe seriedade e asistencia aos ensaios onde, ao tempo que ensinan a cantar, impártense nocións básicas de solfexo. O prazo de inscrición é, cada curso, do un de outubro ao 31 de xaneiro na Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes no Edificio Miralles.
Máis información