DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores no Centro Cultural Caixanova e con entrada de balde

O Coro Universitario interpreta, por segunda vez en España, a “Oberto Conte di San Bonifacio” no concerto UVIGOVERDI

Co acompañamento da Orquestra Clásica de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Lucía Costas DUVI 12/01/2009

O Teatro-Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova será o escenario este mércores, a partir das 20.30 horas, do concerto UVIGOVERDI que centrado na obra operística de Giuseppe Verdi ofrecerán o Coro Universitario e a Orquestra Clásica de Vigo.
A iniciativa de celebrar este recital, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes coa colaboración de Caixanova, e ao que o público poderá asistir totalmente de balde ata completar o aforo do Teatro- Sala de Concertos, xurdiu pola afinidade e o gusto persoal da directora do Coro, Nuria Lorenzo, polo artista italiano. “A intención era a posta en escena dun concerto de ópera con orquestra e a partir de aí pensouse na Clásica de Vigo, para o cal se contactou co seu director Manuel Álvarez-Nava”, explica. A actuación supón un reto para o Coro que ata entón nunca cantara ópera nin tampouco ningunha peza de Verdi, “un dos músicos máis complexos á hora de interpretar, xa que esixe ter unha técnica bastante traballada”, comenta Nuria Lorenzo. Neste senso, cabe recalcar o esforzo dos compoñentes da agrupación “por seren xente que non lee música nin ten base de canto” subliña. Xa levan traballando dende o mes de setembro, “a súa montaxe non foi sinxela pero os resultados obtidos son moi positivos”, engade a directora.

O repertorio de UVIGOVERDI

Esta é a primeira vez que o Coro Universitario actúa conxuntamente coa Orquestra Clásica de Vigo para o cal se elixiron catro pezas moi famosas de Giuseppe Verdi, co obxectivo de crear un repertorio dirixido a todo tipo de público.
UVIGOVERDI será inaugurado coa sinfonía e os coros números 1, 5, 10 e 13 de Oberto Conte di San Bonifacio (Milán, 1839), a primeira ópera que compuxo Verdi interpretada en España tan só nunha ocasión, “o que supón unha honra para o Coro Universitario” remarca Lorenzo. Na segunda das pezas, Gran finale II e Marcia trionfale de Aída (O Cairo, 1871), actuará en solitario a Orquestra. A continuación, co acompañamento dunha solista, o Coro interpretará Il Trovatore (Roma, 1853), o número 4 e Aria “Stride la vampa!” e, por último, a sinfonía e os coros números 1 e 11 de Nabucco (Milán, 1842), “a peza máis complexa polo feito de que lles esixe moito á hora de cantar, unha obra moi forte e cunha tesitura moi aguda”, explica a directora. Como broche final está preparada unha actuación sorpresa na que participarán tamén un tenor e un soprano.

18 anos de vida do Coro Universitario

Fundado en 1990 para satisfacer, entre outras, a necesidade de contribuír á potenciación da formación musical do alumnado así como de realizar un labor de difusión cultural máis aló do marco da propia Universidade e solemnizar os seus actos académicos, este grupo coral atópase aberto a tódolos membros da comunidade universitaria que desexen non só aprender a cantar e a gozar da música, senón tamén das actividades e viaxes que realizan cada ano en intercambios culturais, tendo a oportunidade de coñecer outras cidades, trocar ideas e compartir formas de convivencia con estudantes doutras universidades do país e do estranxeiro.
O Coro posúe un rico e variado repertorio de máis de 150 obras, estando aberto a todo tipo de música, dende obras polifónicas do Renacemento español, música clásica moderna, canción latinoamericana, espirituais, así como adaptacións de coñecidas pezas corais tradicionais de diversas rexións.
Para pertencer ao Coro Universitario non é imprescindible ter coñecementos previos de música, só se esixe seriedade e asistencia aos ensaios onde, ao tempo que ensinan a cantar, impártense nocións básicas de solfexo. O prazo de inscrición é, cada curso, do un de outubro ao 31 de xaneiro na Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes no Edificio Miralles.
Máis información