Fronte ao aparente abandono que está a sufrir o idioma galego na nosa comunidade por parte dos máis novos, unha investigación levada a cabo dende a Facultade de Filoloxía e Tradución constata que a maior parte da poboación menor de 16 anos residente nos tres concellos estremeños do val do río Ellas, onde pervive unha variedade do galego, utiliza a fala, palabra coa que eles mesmos denominan a este dialecto. Esta conclusión é froito dun proxecto levado a cabo polo Observatorio de Sociolingüística, un equipo de traballo formado polos profesores Fernando Ramallo, Ana Iglesias e Anxo Lorenzo que, tras cinco anos de colaboración co grupo dirixido por Paulo Rodríguez Yáñez, decidiron unirse e buscar a súa propia dirección na investigación para afrontar retos diferentes, centrados principalmente no ámbito da política e da planificación lingüística.
11/02/2008