DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As proxeccións terán lugar ao longo do mes de febreiro no CineBox

Volve o ciclo “Estreas en versión orixinal 2” con 4 filmes galardoados a nivel internacional

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 18/01/2008

Tralo éxito das estreas do certame Cinema Europeo que tivo lugar durante o mes de novembro, volven as proxeccións en versión orixinal ao CineBox de Ourense co ciclo Estreas en versión orixinal 2. En colaboración co Cineclube Padre Feijoo e co apoio da Vicerreitoría do campus, da Xunta e da Federación de Cineclubes de Galicia, a partir do 30 de xaneiro, os mércores estrearase unha película recoñecida a nivel internacional nos festivais especializados.
Os pases terán lugar no CineBox do centro comercial Ponte Vella ás 20:30 e ás 23.00 horas cun custo de catro euros por entrada, tres presentando o carné universitario.
O Cineclube Padre Feijoo, sen local fixo de proxección por problemas técnicos dende maio de 2004, vén organizando pequenos ciclos coa axuda da única sala comercial de cine da cidade e co apoio de diversas institucións.

Cine de calidade en versión orixinal

Os filmes que compoñen a programación do ciclo chegarán ás pantallas do CineBox en versión orixinal subtitulada. O primeiro deles, Les amours d' Astrée et de Céladon é o único en francés e proxectarase o vindeiro 30 de xaneiro. Premiado nos festivais de Venecia, Estocolmo, Toronto, Nova York e Río de Xaneiro, revisa un clásico da literatura gala do século XVII da man do seu director, Eric Rohmer.
O resto das películas serán proxectadas en inglés. O 13 de febreiro, os espectadores poderán acudir ao pase de Once, unha comedia musical irlandesa na que recibiu o premio do público no Festival de Sundance.
O ciclo continúa o á semana seguinte con Last Days, un filme estadounidense inspirado nos últimos días de vida do líder do grupo Nirvana, Kurt Cobain e que foi premiada no Festival de Cannes polo seu son.
Para rematar, o 27 de febreiro proxectarase Irina Palm, unha comedia dramática premiada polo público no Festival de Berlín.

Sesión especial

A primeira sesión da programación do Cineclube, pero ao marxe deste ciclo, será o pase especial do documental Tierra (Earth) que se estreará o mércores 23 de xaneiro. Empregando as máis modernas tecnoloxías, 40 equipos de especialistas, 200 localizacións en 26 países e tras cinco anos de rodaxe, os directores Alastair Fothergill e
Mark Linfield, da man da BBC, conseguen transportar ao espectador nunha viaxe polo máis fascinante do planeta.