O esforzo, o traballo en equipo, o compromiso, a constancia, o afán de superación, o respecto ao outro, a xenerosidade, a humildade e a solidariedade. Estes foron os valores enxalzados e reivindicados na XXIII Gala do Deporte Universitario, que neste 2014 se trasladou ata o campus de Pontevedra para render homenaxe a aquelas persoas e colectivos que, dentro e fóra da Universidade, destacan tanto polos seus éxitos nas diferentes competicións como polo seu labor na difusión dos valores da práctica deportiva. “Hoxe é máis necesario que nunca defender estes valores, entender que o deporte implica ser xenerosos e que, por moito que se intente, nunca pode estar ligado a violencia”, salientou o reitor, Salustiano Mato, na clausura do acto celebrado no Centro Social Afundación.
11/12/2014