DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os mellores equipos das ligas universitarias medíronse este martes en Pontevedra

Vigo domina o Torneo Intercampus

A competición pechouse con tres vitorias dos conxuntos vigueses e unha dos pontevedreses e ourensáns

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 25/02/2015

Os mellores conxuntos nas competicións internas da Universidade de deportes de equipo mediron este martes as súas forzas no campus de Pontevedra, onde se decidía cales serían os representantes da Universidade no campionato galego universitario que se celebrará os días 11 e 12 de marzo en Ferrol. Grazas as súas vitorias nas finais de voleibol mixto, baloncesto masculino e fútbol sala masculino, o campus de Vigo erixiuse como o gran dominador deste Torneo Intercampus, organizado polo Servizo de Deportes, mentres que Pontevedra logrou o triunfo en fútbol sala feminino e Ourense en fútbol masculino.

Máis de 200 alumnos e alumnas participaron este martes no campus pontevedrés nunha xornada marcada polo bo ambiente e o afán de superación, que se desenvolveu de xeito paralelo en tres sedes diferentes, o Pavillón Universitario, o multiusos da Xunqueira e o campo de herba artificial situado ao seu carón. Neste último escenario tivo lugar a competición de fútbol masculino, que se abriu en horario de mañá cos encontros de semifinais. Nelas, o equipo de Pontevedra acadou o pase á final tras superar a Vigo 2 nos penaltis, despois de que o partido acabara sen goles, e Ourense fixo o mesmo ao derrotar por 1-0 a Vigo 1. Xa pola tarde, o equipo ourensán lograba alzarse co trofeo ao vencer pola mínima aos xogadores pontevedreses.

No Pavillón Universitario sucedéronse ao longo da xornada os partidos de fútbol sala, masculino e feminino. No primeiro caso foi Vigo 1 o que se fixo coa vitoria final, tras superar a Pontevedra por 1-0 na final. Previamente o conxunto vigués vencerá ao ourensán por un claro 4-1, mentres que Pontevedra superara a Vigo 2 por 4-2. Na competición feminina foi Pontevedra a que se alzou co trofeo, grazas ao 6-1 co que derrotou a Ourense na final. Previamente, ambos conxuntos dobregaran aos dous equipos chegados do campus de Vigo por 3-1 e 5-0, respectivamente.

Dobre vitoria viguesa no multiusos

Tamén foi intensa a xornada deportiva no pavillón multiusos da Xunqueira, onde se disputaron de xeito paralelo as finais de voleibol mixto e baloncesto masculino. Na primeira competición, que se desenvolveu en formato de triangular, Vigo levantou o trofeo tras derrotar por 2-0 a Pontevedra e Ourense, que rematou en segundo lugar. No relativo ao baloncesto, a competición tamén se pechou coa vitoria do equipo de Vigo, que superou por 57-51 ao de Pontevedra, despois de que ambos lograsen o pase á final derrotando a Ourense (55-47) e Vigo 2 (50-36), respectivamente.