DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No V Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo, que se celebrará entre o 10 e 12 de outub

A incorporación da canoa feminina ás Olimpíadas debaterase en Catoira

Ciencias da Educación e do Deporte é un dos organizadores dun simposio que reunirá a expertos de dif

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 29/08/2014
“Os Xogos Olímpicos de Tokio 2020 suporán un punto de inflexión no piragüismo”, salienta Manuel Isorna, profesor da Universidade de Vigo e presidente do Comité Organizador do V Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo, que se desenvolverá entre o 10 e o 12 de outubro en Catoira e que terá como eixo central do debate a incorporación da canoa feminina aos Xogos Olímpicos. Co obxectivo de cumprir coas normas olímpicas sobre paridade de xénero, a Federación Internacional de Remo (FIC) atópase actualmente estudando a eliminación de determinadas probas masculinas como modalidade olímpica para dar entrada a máis disciplinas femininas, cuestión que en boa medida se decidirá neste simposio que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte organiza xunto co club As Torres-Romaría Vikinga e as federacións galega e española de piragüismo.

Despois de que este tema fose abordado nas reunións que a FIC celebrou en Londres en 2010 e en Lima en 2013, cales serán finalmente as modalidades olímpicas en Tokio 2020 é unha cuestión que en boa medida “decidirase en Catoira” no vindeiro mes de outubro, como sinala Isorna. Comno explica o presidente do Comité Organizador do Congreso, co obxectivo de equiparar nesta cita o piragüismo masculino e feminino, haberá que debater “que modalidades de kaiak masculino saen dos xogos olímpicos e cales femininas se incorporan” á cita olímpica, unha cuestión na que cada país “defende o que máis lle interesa” e que está a resultar “todo un dilema”. De aí que este Congreso Internacional se amose como o marco idóneo para afondar neste debate, posto que reunirá durante tres xornadas en Catoira a un bo número de expertos e preparadores deportivos de diferentes países.

Nesa lista de conferenciantes figuran nomes como o de Istvan Vaskuti, vicepresidente da FIC, ou do adestrador da selección italiana Gugliermo Guerini, que impartirá un relatorio titulado Muller e piragüismo. Adestramento deportivo na muller, no que afondará na necesidade de especialización dos adestradores na canoa feminina con motivo, precisamente, da súa futura conversión en disciplina olímpica. Vaskuti, pola súa banda, relatará neste simposio en “como se xestou esta importante decisión”, debatida a en Londres e Lima e que tivo como pasos previos a incorporación, como carreira de demostración, do C1 200 metros feminino no Campionato do Mundo de Poznan (Polonia) en 2010 e a posterior participación das canoístas no mundial de slalom dese mesmo ano.

Unha opción de futuro para os titulados e tituladas

Xunto á incorporación da canoa feminina ás Olimpíadas, neste Congreso Internacional abordaranse tamén os últimos avances en preparación e mellora do rendemento dos deportistas nunha disciplina, na que Galicia é “unha potencia”, como sinala Isorna, xa que existen na comunidade preto dun cento de clubs con actividade. Por ese motivo, este profesor incide no valor que ten este deporte como un “potencial campo de traballo” para o alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte. Nese senso, o presidente do Comité Organizador incide no “importante escaparate” que supón este congreso internacional, tanto para a facultade e a Universidade de Vigo, como para o alumnado e profesorado. De feito, un dos obxectivos dos responsables deste simposio bienal é potenciar a investigación relacionada con este deporte, e por ese motivo “o congreso conta cun apartado para a presentación de comunicacións orais e pósters, no que esperamos que se presenten investigacións realizadas desde a nosa facultade”, destaca Isorna.