A Universidade de Vigo busca nova canteira para o curso 2012-2013 e que mellor xeito que facelo cunha campaña publicitaria ideada, deseñada e realizada polo propio alumnado da institución. Cinco alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Iciar Troncoso, Rocío Fernández, Victoria Rodríguez, Ana Piñeiro e Patricia Rodríguez, son as responsables da nova estratexia de comunicación para captar estudantado, que, co lema 'Onde reside o éxito', argumenta aos potenciais estudantes porque deben escoller a Universidade de Vigo como o seu destino durante os vindeiros catro anos. “A campaña mostra unha serie de razóns para que a mocidade se decate de que a Universidade de Vigo é unha boa opción a barallar”, explica a alumna Patricia Rodríguez, coordinadora do grupo.
11/06/2012