DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Infantil do campus acolle unha actividade sobre educación vial impartida por un policía loc

Os cativos da Universidade ensaian para ser bos peóns e condutores

Pendente das últimas incorporacións de setembro, o centro contará con 44 nenos e nenas para o vindei

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 19/06/2012

O alumnado máis novo da Universidade de Vigo tivo unha visita moi especial. O equipo docente da Escola Infantil do campus pontevedrés decidiu convidar a un policía local do concello para impartir unha clase práctica sobre educación vial. Perfectamente equipado, con motocicleta incluída, o garda gañouse a complicidade dos máis pequenos aos que lles explicou as sinais e a importancia de respectar as cores dos semáforos “e sempre da man de papá e mamá”. Para a directora da escola, Ángeles Rodríguez, este tipo sesións prácticas son importantes durante a primeira nenez “para espertar o seu interese e romper a rutina diaria”.

A directora da Escola Infantil Universitaria defende que dende idades temperás “hai que saber mesturar a aprendizaxe coa diversión” polo que durante as clases alumnado e profesorado deseñaron conxuntamente todo o material necesario para converter o patio de xogos “nun auténtico circuíto”. Durante varios días confeccionaron sinais, semáforos, pasos de peóns, rotondas para que o policía local lles puidese mostrar como deben actuar en cada situación. Así, tras unha demostración práctica do garda, que coa súa motocicleta, lles indicou o funcionamento do circuíto, todos os cativos montáronse en cadanseu vehículo e seguiron as instrucións do policía que os dirixiu a golpe de asubío. “Os maiores entenderon á perfección o significado das sinais, sobre todo a de prohibido e a de stop. Logo pegámolas polas clases para afianzar a súa aprendizaxe ao longo dos días”, aclara Ángeles Rodríguez.

Colaboración das familias

Dende a Escola Infantil do campus queren amosar o seu compromiso cun tema “tan importante” como o da educación vial, “pois non hai que esquecer que son nenos e nenas que viven nunha cidade, que se moven diariamente nun ambiente urbano, polo que é importante que dende xa se familiaricen cos semáforos, cos pasos de peóns, cos coches, coa vida da rúa...”. Por outra banda, a directora da escola cre imprescindible a colaboración dos pais e nais “sendo necesario conciencialos de que tomen unha actitude correcta na rúa para que os rapaces e rapazas non reciban mensaxes contraditorias”.

O certo é que os cativos mostráronse entusiasmados coa visita do policía local, “sobre todo coa súa indumentaria”, confesa a directora da escola. A gorra, o uniforme, e sobre todo a motocicleta atraeu dende un primeiro momento a atención dos nenos e nenas que non dubidaron en montarse no vehículo e premer calquera botón que estivera ao seu alcance. “Acenderon e apagaron as luces, puxeron a sirena, premeron a bucina...toda unha experiencia sensorial e psicomotriz”, sinala Rodríguez que explica que este tipo de iniciativas axudan a desenvolver a súa capacidade de identificación “xa que aprenden a recoñecer a un policía, a que se dedica e cal é a súa función, diferenciándoo doutros oficios”.

Datos de matrícula

Co período de matrícula xa pechado, a escola contará para o curso que vén con 44 alumnos e alumnas inscritos, 15 de novo ingreso, seis pertencentes á comunidade universitaria, e 29 que renovaron a súa estancia. “Estamos moi satisfeitos cos resultados acadados”, apunta a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, que resalta a idoneidade das instalacións e a calidade do servizo prestado no centro. O certo é que, cun ano xa cumprido dende que abriu as súas portas en xaneiro de 2011, a Escola Infantil do campus cumpre as expectativas dos pais e nais dos cativos matriculados. “As prazas desta escola teñen bastante demanda xa que gusta moito a contorna natural na que está emprazada, á beira do río e con moita luz, ademais dun patio de grandes dimensións no que os nenos e nenas gozan da paisaxe e dos días de sol”, describe a directora.