DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova campaña de promoción da Universidade é obra de cinco alumnas de Publicidade e Relacións Públi

Que falen os feitos

Inclúe unha gran variedade de “razóns” polas que escoller a de Vigo como destino universitario

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 11/06/2012

A Universidade de Vigo busca nova canteira para o curso 2012-2013 e que mellor xeito que facelo cunha campaña publicitaria ideada, deseñada e realizada polo propio alumnado da institución. Cinco alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Iciar Troncoso, Rocío Fernández, Victoria Rodríguez, Ana Piñeiro e Patricia Rodríguez son as responsables da nova estratexia de comunicación para captar estudantado, que, co lema 'Onde reside o éxito', argumenta aos potenciais estudantes porque deben escoller a Universidade de Vigo como o seu destino durante os vindeiros catro anos. “A campaña mostra unha serie de razóns para que os mozos e mozas se decaten de que a Universidade de Vigo é unha boa opción a barallar cunha grande oferta académica”, explica a alumna Patricia Rodríguez, coordinadora do grupo, que tamén destaca o feito de que a propia institución confíe profesionalmente no seu propio alumnado “aproveitando os propios recursos e amosando con feitos o nivel de formación dos futuros titulados e tituladas”.

O Campus do Mar, o Xatcobeo, os éxitos deportivos, a riqueza natural, a exclusividade de titulacións, a variedade de destinos para estudar no estranxeiro ou a grande oferta de prácticas son algúns dos argumentos empregados na campaña de promoción “coa que se pretende dar a coñecer aos pais e aos estudantes aspectos da Universidade dos que en xeral non se decatan e que si son de valor”, apunta Iciar Troncoso, pondo de manifesto ademais que “en Galicia tamén se pode cursar unha ensinanza de calidade cunha ampla oferta académica e con profesores de prestixio e percorrido”. As cinco alumnas, da titulación de Publicidade e Relacións Públicas, foron quen de deseñar 14 creatividades diferentes nas que inclúen unha frase corta “atractiva e clara” acompañada dunha mensaxe explicativa “que argumenta que aquí si que reside o éxito”, e respectando a tipografía e o estilo da imaxe da institución. A campaña tamén destaca as características específicas de cada campus, “como as titulacións exclusivas de Pontevedra, a biblioteca de Ourense ou as enxeñarías do campus vigués”, destaca Troncoso.

A campaña promocional da Universidade atópase nestes momentos en todos os medios de comunicación, tanto en prensa escrita, como en radio e en televisión, para o que escolleron unha animación por ordenador de 30 segundos “empregando unha imaxe innovadora e refrescante da institución”. Para achegarse ao público máis novo, a imaxe da Universidade tamén se pode atopar en Facebook e en Spotify “co obxectivo de que o noso público potencial nos coñeza e se interese por nós”. Ademais de empregar os medios convencionais, a campaña tamén incluíu accións específicas na rúa e, aproveitando os exames de xuño de Selectividade, instaláronse tres carpas en cada un dos campus “nas que se repartía un agasallo confeccionado con material reciclado acompañado da oferta de titulacións de cada cidade”, describe Rodríguez.

Unha experiencia profesional completa “e gratificante”

Ademais de que a Universidade de Vigo confíe na súa propia canteira para liderar esta estratexia de comunicación, “tamén nos dá unha oportunidade como profesionais para poder comezar no mundo laboral cunha boa carta de presentación”, confesa Troncoso, “cun currículo no que xa podemos reflectir que fomos responsables de todo o proceso da campaña publicitaria da Universidade de Vigo no curso 2011-2012”, engade. Confesaron sentirse emocionadas e orgullosas ao visualizar a campaña na rúa, “pois ves o resultado dun traballo que comezamos en outubro e no que puxemos moitas ganas e dedicación”, puntualizan.

Trátase, en definitiva, dunha práctica profesional “na que aprendemos moitísimo”, e coa que se decataron de que si están preparadas “para liderar un proxecto dende o seu inicio e para saber argumentar e decidir nos momentos cruciais”. Tamén destacan a aprendizaxe da experiencia, “dándonos a posibilidade de coñecer de primeira man como funcionan os medios, traballar baixo presión e con límites de tempo”, todo en función dun orzamento real “que nos achegou aínda máis á realidade profesional do sector”.