Desenvolverase o vindeiro xoves 5 en diferentes instalacións deportivas
Máis de 500 persoas participarán en Pontevedra no Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos
Coa participación de 35 equipos das tres universidades
35 equipos, integrados por máis de 500 alumnos e alumnas das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, competirán o vindeiro xoves 5 de marzo no XXIII Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos. Baixo a organización da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, cinco instalacións deportivas da cidade acollerán, de xeito simultáneo, as competicións, masculinas e femininas, de baloncesto, balonmán, fútbol, fútbol sala, rugbi 7 e voleibol, nas que se decidirán os representantes de Galicia na fase final do Campionato de España Universitario.
Coa excepción do balonmán feminino, no que mediranse só os equipos de Vigo e Santiago, todas as competicións serán triangulares entre os representantes das tres institucións académicas. Nalgúns dos casos, explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, Gustavo Loureiro, trátase de seleccións creadas para esta competición, mentres que noutros compiten os gañadores das ligas internas. “Iso depende de cada universidade, no noso caso, compite o gañador do Torneo Intercampus naquelas modalidades nas que as ligas teñen máis de dez equipos”, como sería o caso do fútbol e fútbol sala masculino, mentres que nos restantes casos realízase unha selección coa colaboración das diferentes federacións.
Unha xornada de convivencia e deporte
Coa colaboración do Concello de Pontevedra, este XXIII Campionato Galego Universitario arrincará ás 10.00 horas en cinco sedes diferentes. Concretamente, a competición de baloncesto terá lugar no Pavillón Universitario, mentres que os partidos de balonmán desenvolveranse no Pavillón Municipal de Deportes e os de fútbol nos campos de A Xunqueira. O rugbi 7 trasladarase a Monteporreiro mentres que as competicións de fútbol sala e voleibol celebraranse no Pavillón Multiusos da Xunqueira. O torneo pecharase ás 18.00 horas coa entrega de trofeos nas diferentes instalacións, completando así unha xornada de deporte e convivencia entre estudantes das tres universidades galegas.
A universidade gañadora en cada unha das modalidades obtén nesta competición a súa clasificación directa para o Campionato de España Universitario de Deportes Colectivos, ao non desenvolverse neste 2020 un torneo interautonómico previo, aínda que a participación final dos equipos, explica Loureiro, dependerá dos requisitos que determine cada institución académica.
O running súmase á oferta deportiva do campus
Máis aló do campionato universitario, a Área de Benestar, Saúde e Deporte sumará a vindeira semana unha nova proposta ao abano de actividades que oferta no campus pontevedrés aos usuarios e usuarias do abono Muver. A partires do vindeiro luns 2 de marzo e ata o 31 de maio, os abonados e abonadas poderán inscribirse, de xeito gratuíto, en running, unha nova actividade dirixida que se desenvolverá os luns e mércores entre as 20.00 e 21.00 horas. Trátase, como sinala Loureiro, dunha nova proposta que substitúe nesa franxa horaria a defensa persoal e xogos e deportes colectivos e que está destinada “non á xente que xa corre habitualmente, senón a persoas que queiran iniciarse e saír a correr en grupo, cun monitor que lles guía”, aproveitando nese senso a proximidade da Illa das Esculturas ao Pavillón Universitario. Para participar, os aboados e aboadas deberán inscribirse, un máximo de 24 horas antes de cada sesión, a través da plataforma Campusactivo.