Froito do traballo desenvolto no Grupo de Procesado da Imaxe e Realidade Virtual e no departamento de I+D+i da empresa CIS, Centro de Investigacións Submarinas SL, nace a HidroBoia, un sistema intelixente de monitorización da calidade de augas tecnoloxicamente moi superior a calquera outra boia que está sendo empregada na actualidade, tanto en España coma no estranxeiro.
A innovación do produto permitiu acadar en tan só un par de meses a patente número 61224557 concedida pola Oficina de Patentes de Estados Unidos, o que garante a propiedade intelectual do produto aos seus creadores, neste caso a Universidade e a empresa CIS.
A HidroBoia, presentada esta mañá no Edificio Miralles, introduce no mercado un sistema de mostraxe de auga a distintas profundidades que, sen modificar a natureza e características das mostras, permite a obtención precisa de múltiples datos, que se poden consultar en liña en tempo real e cun custes de mantemento mínimos.
15/09/2009