DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Mestrado de Artes Escénicas pecha a matrícula o vindeiro 10 de setembro

A formación de investigadores nas artes da representación escénica e en educación teatral entra en escena

Promovido pola Universidade de Vigo e a Escola Superior de Arte Dramática

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/09/2009

Atender unha demanda formativa e facer de Vigo o centro de referencia nas artes escénicas de Galicia, son os obxectivos do mestrado que promovido pola Universidade de Vigo e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) comezará a súa andaina o vindeiro 21 de setembro.
30 estudantes poderán cursar a primeira edición do Mestrado en Artes Escénicas que aínda que está dirixido especialmente a titulados nas distintas ramas de Filoloxía, Pedagoxía e Ciencias da Educación e da ESAD, aspira a captar alumnado doutros ámbitos, pero cun interese común nas manifestacións dramáticas. “Buscamos a concorrencia de persoas de diferentes graos e así dar resposta a unha das demandas de Boloña como é a de vincular á universidade coa sociedade”, explica Manuel Ángel Candelas, profesor do departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura e coordinador do mestrado.
Prestixiosos docentes chegados de diferentes puntos de España e Portugal, encargaranse xunto a profesores galegos de impartir o mestrado que o director da ESAD, Manuel Vieites, define como “un primeiro paso na colaboración entre a Universidade e a Escola para intentar converter a Vigo en referente europeo no ámbito da educación artística”.

Dúas orientacións básicas

Co obxectivo de potenciar a formación de investigadores que desenvolvan a súa actividade no campo das artes da representación escénica, o mestrado contempla dous itinerarios: o de estudos escénicos e literario-dramáticos e o de educación e animación teatral. “Mentres o primeiro ten máis que ver coa parte máis teórica dos estudos escénicos, o itinerario de educación e animación afonda nos procesos pedagóxicos e de animación teatral”, sinala Candelas. Un camiño, este último, pouco explorado, ata o punto que este será o primeiro mestrado que se imparte en España sobre pedagoxía teatral, unha disciplina, sen embargo. “moi desenvolvida noutros países”, segundo afirma Vieites.
O mestrado impartirase na Facultade de Filoloxía e Tradución e na definitiva localización da ESAD en Navia, permitirá polo seu caracter investigador “abrir liñas que vinculen a investigación coa creación e crear coñecemento”, sinala Vieites que incide en que “sumar o saber da Universidade e o facer da ESAD, pode dar resultados magníficos”.

Matrícula aberta

O 10 de setembro finaliza o prazo de matrícula no mestrado que segundo Candelas “ten unha demanda importante que está desbordando as expectativas”. Unha parte importante dos matriculados son graduados da primeira promoción da Escola Superior de Arte Dramática que acaba de saír a rúa, pero como apunta o coordinador do mestrado “somo ambiciosos e non só queremos dar saída aos ao estudantado da Escola, senón tamén atraer outros alumnos, ao tempo que afecte na vida cultural e teatral de Vigo e de Galicia”.
1.155 euros é o prezo do mestrado que ten 60 créditos que se impartirán ao longo de todo o curso.