DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende o 19 ata o 23 de outubro na Facultade de Ciencias

O campus de Ourense reforza o seu compromiso co medio natural na 3ª edición das Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental de Galicia

Organizadas pola vicerreitoría, a Xunta e SYME

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 16/09/2009

Tralo éxito do ano pasado con preto de 400 participantes, retornan ao campus as Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental de Galicia, que acadan nesta ocasión a súa terceira edición. Personalidades do mundo da política, representantes da empresa privada e expertos na materia achegaranse ata a Facultade de Ciencias do 19 ao 23 de outubro cunha finalidade común: poñer de manifesto a importancia de protexer a nosa contorna e afondar nas problemáticas actuais que sufre o medio natural, ofrecendo ademais unha perspectiva legal e xurídica sobre o tema.
Durante cinco días o medio ambiente centrará as xornadas que ofrecerán diferentes perspectivas que abarcan o ecoloxismo, o cambio climático, a educación ambiental ou a lexislación aplicable neste eido, facendo especial fincapé nos delitos ao medio natural. As xornadas comezarán tratando a enerxía e a biomasa como unha solución ecolóxica e sustentable. Destes aspectos falarán respectivamente José Cidrás, vicerreitor de Planificación da Universidade de Vigo e Xabier Garatea, xerente de Envitec Biogás Ibérica. Pola súa banda José Antonio Amoeiro, director do Parque Natural do Xurés, “que afondará na xestión que se está a levar a cabo e os avances que se están a lograr neste espazo”, explicou José Antonio Pérez, presidente de SYME.
O martes 21 será o momento de falar da xestión das augas en Galicia e do cambio climático, tema no que se centrarán o ex director xeral de Desenvolvemento Sostible e profesor da Universidade de Vigo, Emilio Fernández; o subdirector de Investigación, Cambio Climático e Información Ambiental da Xunta de Galicia, Vicente Pérez; e a directora xeral da Oficina Española de Cambio Climático, Alicia Montalvo. O mércores a xestión integrada, a educación sustentable e o desenvolvemento centrarán as sesións, destacando a conferencia do director corporativo de Calidade e Medio Ambiente de Iberdrola, Carlos Fernández, que falará de eficiencia e medio ambiente, “con todo o problema que están a ter nos Canóns do Sil”, apuntou Pérez. Ao día seguinte falarán os representantes dos partidos políticos do PSdG-PSOE, PP, UPyD e BNG, que explicarán a súa política ambiental. Tras estes relatorios, as xornadas centraranse na lexislación ambiental, onde destaca a conferencia que ofrecerá Antonio Vercher, fiscal de sala coordinador de Medio Ambiente e Urbanismo do Tribunal Supremo que falará dos delitos ambientais e dos vertidos no río Barbaña que el mesmo investiga.
O venres na derradeira sesión, as conferencias centraranse nos entes locais en materia ambiental, a distribución de competencias entre o Estado e as comunidades, a protección do medio ambiente e a acción da xustiza dende o punto de vista civil e penal. O día pechará coa celebración dunha mesa redonda na que se porá en relación as actividades empresarias e o medio natural, centrándose no sector mineiro.

Desde o alumnado, para o alumnado

Na presentación das xornadas o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, durante a presentación do congreso celebrada hoxe no salón de graos do Edificio Politécnico, “estas son as xornadas que contan cunha maior presenza de alumnado e, polo tanto, unhas das mais importantes do campus”.
Pola súa banda o xefe territorial da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José César Losada, sinalou “a variedade de temas que se tratarán: educación ambiental, voluntariado, tratamento de residuos, lexislación, sustentabilidade que pretenden prepararnos para un futuro mellor e unha sociedade cada vez máis ecolóxica”. As xornadas, que están organizadas pola Vicerreitoría do campus, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Asociación Medio Ambiental e Universitaria SYME, contan tamén coa colaboración da Facultade de Ciencias cuxo decano, Pedro Araújo resaltou a importancia de que “a partir dunha asociación de estudantes se leve a cabo este labor, grazas ao cal poden transmitirse perfectamente as inquietudes destes alumnos á sociedade”. O decano tampouco se esqueceu de agradecer a SYME, “o esforzo realizado durante este tres anos, que se plasma na calidade destas xornadas”.
Por último, José Antonio Pérez, presidente de SYME, subliñou “a calidade dos conferenciantes que participan nesta edición”. Tamén sinalou que este ano “as xornadas son máis técnicas, porque non só van enfocadas cara os alumnos, senón tamén aos profesionais, técnicos e concelleiros de Galicia”, xa que o amplo abano de personalidades que participan como relatores estarán ao alcance de todos os participantes para poder contactar con eles e facer as súas suxestións.

Fotografía ambiental

Como ven sendo tradición tamén se inicia nestas datas o Concurso de Fotografía Ambiental, organizado por SYME e que acada este ano a súa cuarta edición. O seu obxectivo é “promover unha reflexión sobre o medio natural na comunidade universitaria e na sociedade ourensá”, explicou Pérez.
Poderán formar parte do concurso todas aquelas persoas que o desexen, o único requisito é ter máis de 18 anos. As fotografías terán ser presentadas antes do 19 de outubro e estas serán expostas na Facultade de Ciencias durante o transcurso das xornadas Os participantes optarán a tres premios: unha videocámara, unha cámara fotográfica e un disco duro extraíble.

Datos de interese

A inscrición nas xornadas poderá realizarse ata o 14 de outubro. Para matricularse é preciso cubrir o boletín que inclúen os trípticos informativos e presentalo na Secretaría do Decanato da Facultade de Ciencias en horario de maña acompañado da fotocopia do DNI e xustificante de ter as taxas abonadas. O prezo da matrícula é de 12 e 6 euros para alumnos da Universidade de Vigo e persoas en paro. Aqueles que sexan socios de SYME terán a matrícula de balde.
As xornadas serán validables por dous créditos de libre elección para os estudantes da Universidade de Vigo e tamén para oposicións de educación e medio ambiente.

Para máis información: info@syme.es