DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 23 ao 25 de setembro

A memoria sonora de José Ángel Valente encherá de música e poesía o Teatro Principal

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Mª Carmen Echevarría DUVI 15/09/2009

“Hoy andaba debajo de mí mismo sin saber lo que hacía. Hoy andaba debajo de la pena con risa inexplicable. Hoy andaba debajo de la risa con todo el llanto a cuestas...”. Os sentimentos que José Ángel Valente era quen de expresar a través de versos como estes, encherán a partir da próxima semana todos os recunchos do Teatro Principal con motivo da celebración da homenaxe José Ángel Valente, memoria sonora.
Coincidindo co oitenta aniversario do poeta ourensán, a Deputación e o Concello de Ourense e as universidades de Santiago e Vigo,colaboran na organización dunha homenaxe na que poesía e música serán as grandes protagonistas e que ten o obxectivo de recuperar a memoria de quen foi un dos máis destacados poetas do século XX. “Estamos ante un intelectual do que todos nos sentimos orgullosos e que a piques estivo de conseguir o premio Nobel, feito que non foi posible debido á súa temperá morte”, sinalou o presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar no acto de presentación da homenaxe.
Ao longo de tres días, do 23 ao 25 de setembro, sucederanse sobre o escenario do Teatro Principal os recitais poéticos, as conferencias, así como charlas, lecturas e un concerto de música contemporánea. A estrea dunha obra escrita “ex profeso” para este aniversario por Mauricio Sotelo, compositor moi vinculado a Valente e un recital poético a cargo do premio Cervantes 2005, Antonio Gamoneda, son dous dos principais atractivos do programa que tamén permitirá aos asistentes realizar un percorrido poético polos lugares que formaron parte da vida de Valente na cidade de Ourense.

Participación da Universidade de Vigo

“A Universidade de Vigo implicouse neste proxecto porque José Ángel Valente era merecedor desta homenaxe por moitos motivos”, sinala Juán Francisco Gálvez, vicerereitor do campus de Ourense, entre os que destaca “que foi profesor universitario en Oxford e que foi un ourensán que sempre levou Ourense no corazón”.
A participación de docentes e a convalidación por créditos de libre elección para o alumnado da Universidade de Vigo que participe nas xornadas, confirman a compromiso da institución académica coa celebración desta homenaxe que tamén conta cun respaldo económico “que aínda que supón un esforzo, considero que é un investimento no coñecemento e difusión da figura e da obra de José Ángel Valente”, explica Gálvez.