DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impúxose á actual decana, Inés Iglesias, por un voto de diferenza

Miguel Ángel Michinel, elixido novo decano da Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noelia V. Vilanova DUVI 15/09/2009

Con 18 votos a favor, fronte aos 17 que acadou a súa opoñente e ata agora decana, Inés Iglesias, o profesor de Dereito Internacional Privado, Miguel Ángel Michinel, convértese no novo decano da Facultade de Dereito. Na xornada electoral que se desenvolveu hoxe, ambos candidatos defenderon os seus proxectos para o centro na Xunta de Facultade, tralo que se deu paso á votación, que rematou cun só voto de diferenza entre ambos.
Michinel estará acompañado durante os próximos tres anos de mandato por Roberto Bustillo e Mónica Siota como vicedecanos e Dolores Fernández como secretaria. O novo decano enfróntase ao cargo “con moita ilusión, aínda que os postos académicos esixen un maior nivel de traballo e, aparte das clases e da investigación, agora tamén teño que facerme cargo da xestión, pero estou contento”. Michinel destacou que o seu principal desexo “é unir a toda a facultade nun proxecto conxunto, aberto a todas as opinións, non é un proxecto persoal”.

De cara ao futuro

O principal reto para o novo decano nos próximos meses é facer fronte ao novo grao en Dereito. “Estamos inmersos nun proceso de uniformización do sistema educativo a nivel europeo e iso implica unha nova organización dos estudos de grao e, sobre todo, preparar o máster de avogacía que teremos que implantar nun futuro próximo”.
En canto as principais liñas de actuación, Michinel sinalou que “traballarei para consolidar o que se fixo ata agora, avanzando na investigación e na docencia”. O novo decano agarda que a Facultade de Dereito, dentro das súas limitacións, “sexa competitiva a nivel nacional, tanto para os alumnos como para os profesores”. Outro dos seus obxectivos de cara ao futuro é “mellorar a xestión académica e de investigación”.
No tocante ao mandato anterior, Michinel considera que “estivo condicionado polas propias limitacións da facultade, pero fixérono o mellor posible, tivo cousas positivas e outras que se poderían ter mellorado”. Por ese motivo, Michinel viuse impulsado a presentarse ao cargo, “quero potenciar os puntos máis débiles da facultade”, pero non considera que “a anterior xestión fose mala”.