DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os vindeiros días 21 e 22 de setembro

Expertos nacionais analizarán nun encontro en Aciveiro a incidencia da crise económica nos medios de comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 10/09/2009

A situación económica actual están tendo fortes repercusións nos medios de comunicación e para analizar esta viraxe e achegar posibles estratexias a Universidad Internacional Menéndez Pelayo, en colaboración coas universidades de Vigo e A Coruña, o Ministerio de Educación e as deputacións da Coruña e Pontevedra, propón un encontro, que se celebrará os vindeiros días 21 e 22 de setembro no Mosteiro de Aciveiro.
Ademais de analizar como o contexto económico está incidindo nestas empresas informativas, a cita servirá, segundo indica o seu director, o catedrático de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé López, “para reflexionar sobre o tipo de información que están dando os medios sobre a propia crise e como esta situación acelera ou non a reconfiguración do escenario mediático”. Para atender as diferentes liñas que guían os obxectivos do encontro, a organización reuniu un amplo panel de relatores que veñen traballando neste tema desde diferentes ámbitos. O que se pretende, segundo Xosé Rúas, un dos secretarios do encontro e profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, é “tecer un debate sobre a repercusión da crise no sector da comunicación”, do mesmo xeito que o ano pasado o fixeron sobre a reforma dos medios de comunicación públicos. Como en edicións anteriores, os organizadores esperan poder plasmar as conclusións nunha publicación para difundilas ao resto da sociedade.

Relatores de prestixio

Para iso contará cun panel de relatores e académicos de prestixio que achegarán diferentes perspectivas sobre o tema. O presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea, Ramón Villares, será o encargado de abrir o programa debuxando a historia das grandes crises económicas e a incidencia que tiveron no panorama comunicativo mundial. Tomará o relevo Xosé Luís Barreiro Rivas, profesor de Ciencia Política e director da UIMP en Galicia, para reflexionar sobre a acción política en tempos de reaxustes económicos. Pola súa parte, o catedrático de xornalismo Ramón Reig desgranará a estrutura actual do modelo de medios e Rosario de Mateo, catedrática de Economía de la Comunicación da Universidad Autónoma de Barcelona, sinalará o panorama e as perspectivas para os grupos de comunicación no actual contexto. A primeira xornada do encontro rematará coa intervención de Alfonso Sánchez Tabernero, da Universidad de Navarra, e Francisco Campos, da USC, que analizarán as medidas adoptadas polos principais grupos de comunicación para facer fronte á crise; ademais da visión que Francisco Esteve, da Universidad Complutense de Madrid; Fernando Salgado, da USC; e Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, achegarán de como os medios de comunicación están a informar á sociedade da crise económica.
A segunda xornada do encontro estará centrada nas alternativas e oportunidades que o novo contexto presenta ás empresas informativas. Deste xeito, Rosa Franquet, catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidad Autónoma de Barcelona, ofrecerá un relatorio sobre as alternativas comunicativas aos medios tradicionais. A continuación, José Luis Dader analizará o papel das redes sociais, blogs e da información en Internet; mentres que Ramon Salaverría e Pilar Diezhandino, poñerán o broche de ouro a esta actividade cunha intervención na que, baixo o título de El día después, presentarán os desafíos de futuro para os medios e mailo xornalismo.

Matrícula a través da web da UIMP

O curso está recoñecido con créditos de libre elección e ten un custo de 129 euros que quedarán reducidos a 65 para os alumnos das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. A matrícula e información adicional pode consultarse a través da web da UIMP.