O tratamento dos residuos orgánicos con técnicas biotecnolóxicas é o principal obxecto das súas investigacións. O grupo de Biotecnoloxía Ambiental e Ecoloxía do Solo botou a andar hai arredor de catorce anos da man de Salustiano Mato, actual director xeral de I+D da Xunta de Galicia. Dende entón, levaron a cabo 17 proxectos a escala autonómica e nacional e unha longa lista de contratos con empresas, preto de vinte só nos últimos cinco anos. O grupo está composto por catorce investigadores liderados polo profesor Jorge Domínguez. Con sede na Facultade de Bioloxía, desenvolven múltiples liñas de investigación.Os membros dedicados a temas de Ecoloxía do Solo centran os seus esforzos no estudo do ciclo dos nutrientes no chan, fertilidade, recuperación de áreas danadas... Namentres, o labor de Biotecnoloxía Ambiental vai dirixido ao tratamento dos residuos orgánicos, ben a I+D de desenvolvemento de novas técnicas ou mellora das existentes, ben á colaboración coas empresas do sector.
07/11/2007