DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na ETSE de Telecomunicación

Profesionais das Tic reúnense nunha xornada sobre “Mobilidade e Telecomunicacións”

Dentro da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios, TechBusiness Week

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 06/11/2007

A Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios, TechBusiness Week, chega este mércores ao campus de Vigo coa Xornada “Mobilidade e Telecomunicacións” que reunirá na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación un destacado grupo de profesionais e interesados nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
A xornada consta de catro relatorios nos que especialistas de diferentes empresas darán a súa particular visión de múltiples aspectos relacionados coa innovación e a difusión tecnolóxica. O primeiro en intervir vai ser Javier García Carreño, director xeral de Tmira Solutións que falará sobre “Televisión dixital interactiva e multiplataforma” . As redes sen fíos, coñecidas como Wifi, serán outro dos eixes dos relatorios. Jorge Reús, responsable de Relacións Institucionas de Gowex, afondará na creación deste tipo de redes a nivel municipal.
A telefonía móbil é outro dos temas a tratar. Elena Yndurain, innovation manager de Nokia, será a encargada de introducir aos asistentes nos últimos avances no que a esta tecnoloxía se refire.
O toque solidario vai vir da man de Antonio Sáez, CEO de Fon España, que exporá unha iniciativa que está a levar a cabo a súa empresa para o emprego solidario das telecomunicacións.
A apertura oficial da xornada será ás 9.45 horas do mércores e correrá a cargo de Juan Carlos Burguillo, subdirector de Relacións Externas da ETSE de Telecomunicación e o presidente da Fundación Sabiria.

Techbusiness Week

A Techbusiness Week é unha actividade promovida pola Fundación Sabiria e organizada polo foro e-Gallaecia que ten por finalidade o desenvolvemento da Sociedade da Información.
Tras catro edicións estase a converter en punto de encontro para a actualización anual de coñecementos tanto de técnicos como de directivos.

Máis información.