DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Teñen que estar asentadas en localidades menores de 5000 habitantes

A UVigo busca empresas dispostas a acoller ao alumnado do programa de prácticas Campus Rural

As entidades interesadas en participar teñen de prazo ata o 3 de marzo para inscribirse

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 16/02/2022

A Universidade de Vigo busca empresas dispostas a acoller ao alumnado do programa de prácticas Campus Rural, unha iniciativa promovida polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico en colaboración co Ministerio de Universidades e a Crue, Conferencia de Rectores das Universidades Españolas, no que participa a Universidade de Vigo e que permite ao alumnado universitario de calquera titulación oficial realizar prácticas formativas en concellos de menos de 5000 habitantes en zonas rurais con problemas de despoboamento. Este mediodía tivo lugar a presentación en liña do programa, un encontro virtual ao que asistiron numerosas empresas e entidades interesadas en participar,  e que correu a cargo da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que foi a encargada de explicar os requisitos que deben cumprir estas empresas para poder participar no programa e acoller ao alumnado.

“Pensamos que este é un proxecto moi interesante non só para o alumnado da Universidade de Vigo, senón tamén para as empresas do ámbito rural”, explicou a vicerreitora, que estivo acompañada na presentación pola xefa do Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos, Rosa Graña, e a directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Maruxa Álvarez. Tal e como explicaron, este programa pretende sentar as bases dunha nova forma de relación entre a mocidade e a contorna rural, fomentando o contacto coa natureza e o ámbito socioeconómico rural. O obxectivo, tal e como xa se destacara desde o ministerio na presentación do programa o pasado mes de xullo, “é conseguir unha contorna rural máis resiliente e sostible”, contribuíndo ao reequilibrio territorial incentivando a chegada de capital humano aos espazos máis despoboados para dinamizar o seu tecido produtivo, social e institucional.

Entre tres e cinco meses de prácticas de xuño a outubro

Búscanse empresas que estean interesadas en darlle ao alumnado universitario, de calquera titulación oficial, a oportunidade de traballar nas súas instalacións durante un prazo de tres meses, prolongable ata os cinco -en casos xustificados-, no período que vai desde o 1 de xuño ata o 31 de outubro. “Pode participar calquera administración local, institución, organismo, entidade sen ánimo de lucro ou empresa que desenvolvan a súa actividade en municipios españois de menos de 5000 habitantes”, recalcou Caparrini, quen fixo tamén fincapé en que estas entidades deben facilitar un aloxamento ao alumnado. “Non ten que ser gratuíto, aínda que esta posibilidade tamén está aberta, pero á hora de facer a solicitude é importante que inclúan información sobre que espazos ou aloxamentos poderían empregar eses estudantes, así como os seus prezos”, explicou a vicerreitora, ao que engadiu que “cada empresa pode presentar máis dunha oferta” e, en cada unha delas, debe incluír os perfís que se requiren para cubrir esa praza –“ata un máximo de cinco titulacións, de grao ou de máster, por cada oferta”-.

1000 euros brutos mensuais para cada estudante

Cada estudante recibirá unha prestación económica de 1000 euros brutos mensuais para aloxamento e manutención. Tal e como se explicou na presentación, as prácticas deben ter un carácter formativo e en ningún caso poderán substituír un posto de traballo estrutural. Ademais, deben axustarse aos requisitos que regulan as prácticas universitarias, así como ás normativas da Universidade de Vigo de prácticas externas e de recoñecemento curricular.

Finalmente, o alumnado seleccionado deberá contar cunha persoa que actuará como titor/a académico, procedente da universidade de orixe, e unha persoa que actúe como titora das prácticas na entidade externa que reciba ao alumno/a.

O 8 de marzo abrirase o prazo de inscrición para o alumnado

Unha vez lanzada a convocatoria ás empresas, farase a do alumnado que desde a Universidade de Vigo queiran realizar as súas prácticas nalgún concello rural. Esta fase abrirase do 8 ao 22 de marzo e a selección das alumnas e alumnos realizarase en base á nota media do  seu expediente académico.

A Universidade seleccionará un máximo de 12 estudantes, 6 do ámbito científico-tecnolóxico e 6 do xurídico-social e humanístico. “Se ben se quedan prazas libres nalgún dos ámbitos cubriranse coas solicitudes do outro ámbito ata que se cubran todas as prazas”, tal e como explicou a vicerreitora.