DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo acolle a entrega deste galardón á xefa de Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos

Rosa Graña, premio Uviguala 2023: “Necesitamos unha revolución, unha transformación radical que acabe coas desigualdades”

O reitor fixo un chamamento á unidade do feminismo, “porque xuntas somos máis fortes”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Igualdade
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 08/03/2023

“Necesitamos unha revolución, unha transformación radical que acabe coas desigualdades, coa violencia, coa inxustiza e coa precariedade. A revolución que necesitamos é o feminismo”. Con esta reivindicación recolleu hoxe mércores o Premio Uviguala 2023 Rosa Graña, xefa do Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos. A entrega desta distinción, que recoñece o compromiso das e dos membros da comunidade universitaria coa igualdade, foi o eixo central das actividades que organizou a Universidade de Vigo para conmemorar o Día Internacional da Muller.

No acto, que se celebrou no edificio Miralles, o reitor, Manuel Reigosa, felicitou á galardoada, “unha persoa que traballa 24 horas ao día, sete días á semana, 365 días ao ano, pola igualdade”.  Na súa intervención, o reitor recoñeceu que aínda queda camiño por andar para acadar unha “sociedade xusta e igualitaria”, porque “os datos amosan que, incluso nunha Universidade que se preza de ser igualitaria, que se manifesta feminista e que no seu Plan Estratéxico ten a igualdade como eixo fundamental, aínda non somos igualitarios”. Reigosa tamén recoñeceu sentir “unha mestura incómoda, entre a ledicia e o desazo” pola falta de unión do feminismo neste 8M. “Esta marea de cor e enerxía, esta auténtica revolución que se vén anunciando dende hai tempo está fracturada”, recalcaba, e cómpre “aparcar as diferenzas e traballar na busca dese mundo mellor no que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades”. Para iso solicitou “a todas e todos unidade de pensamento e de acción, hai que debater moito, tomar acordos e seguir xuntas, porque xuntas somos máis fortes”.  

A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, foi a encargada de ler a acta da Comisión de Igualdade que acordou por unanimidade concederlle esta distinción a Rosa Graña, por ser, entre outros méritos, “un exemplo da xestión con perspectiva de xénero, no traballo de administración e de servizos da nosa universidade; de compromiso profesional e institucional co alumnado máis desfavorecido ou vulnerable; por ser unha icona dentro da UVigo como referente de que a transversalidade de xénero na xestión administrativa e de servizos na nosa comunidade universitaria, loitando por evitar as situación de violencia machista institucional ou por traballar para converter a nosa Universidade nun lugar acolledor e seguro, que promove a convivencia e o respecto durante o proceso de aprendizaxe e madurez do noso alumnado, co fin de contribuír activamente á construción dunha sociedade máis humana, xusta e igualitaria”. 

Un discurso reivindicativo centrado na situación das mulleres do PAS

Tras recoller o premio de mans do reitor, Rosa Graña pronunciou un sentido discurso no que fixo unha firme defensa do feminismo e da loita contra o patriarcado. Arrancou a súa intervención lembrando a figura da súa nai, unha muller nada en 1929 que saíu da escola aos 12 anos, “modista desde os 18, mestra de modistas e que sempre lle dicía: ‘filla non dependas nunca dun home’”. Xunto a ela recordou tamén as súas tías, “mulleres decididas e independentes”, unha historia familiar que a marcou, que fixo que non tivera que inventarse como feminista, senón simplemente seguir o seu legado. “Recibir un premio o 8 de marzo, data con tanto significado histórico e social, resulta, ademais de emocionante, alentador, nada nos vai parar”, recalcou Graña, quen agradeceu o premio á Unidade de Igualdade, a Natalia Caparrini e a Maribel Doval, “as vicerreitoras coas que xestiono a maior parte das axudas e subvencións”, e ao resto das persoas coas que deseña as convocatorias das diferentes axudas e subvencións.

O de Graña foi un discurso reivindicativo no que, “tras 36 anos na UVigo”, fixo partícipe do premio a todo o seu equipo “polo seu compromiso e dedicación, porque sen elas e eles as múltiples ideas que bulen pola miña cabeza non terían visibilidade, impacto, realidade... son as auténticas artífices da actividade que hoxe estades a premiar”. Nesta liña, salientou o feito de que “nove delas forman parte do colectivo de máis de cen persoas que é o máis precarizado da nosa institución e cuxo perfil é o dunha muller de 45 anos, funcionaria interina, temporal, administrativa base, nove anos traballando na UVigo e, en moitos casos, cunha gran mobilidade de posto en posto sen ningunha opción durante anos de estabilizarse, sen poder participar en concursos nin en promocións internas coa súa vida profesional conxelada durante anos co impacto que isto ten na brecha salarial que sofren e nas súas futuras pensións de xubilación”. Salientou na súa argumentación que as “frías estatísticas” ás veces poden levar a pensar que as mulleres que traballan como Persoal de Administración e Servizos na UVigo están nunha situación favorable, pero, neste sentido lembrou o Informe de Igualdade 2022, no que se reflicte que existe segregación vertical, con menor presenza de mulleres no grupo máis alto da escala da administración, e tamén segregación horizontal, segundo os campos profesionais, con sectores feminizados como administración e bibliotecas e outros con escasa presenza de mulleres como informática, e no que tamén se pon sobre a mesa a sobrecualificación profesional, cun 94% das mulleres dos grupos inferiores posuíndo un título universitario. Para loitar contra esta situación demandou medidas que permitan que as mulleres cheguen en igualdade de condicións aos procesos selectivos, que se organicen en xornada laboral cursos de formación para os procesos selectivos, que haxa procesos de acceso de promoción interna e de concurso con menor distancia temporal entre eles, “que nos permitan ter unha auténtica carreira profesional”. 

Referiuse tamén do alumnado, salientando que os estudos realizados acerca dos factores determinantes á hora de elixir titulación universitaria indican que existe un nesgo de xénero en función do grao de dificultade percibido. Este nesgo vese reforzado, segundo indicou Graña, nas alumnas que proveñen de familias con dificultades económicas, por outro factor de carácter socioeconómico,  “elas non se poden permitir fracasar”, pois isto suporía a conseguinte perda da bolsa e tamén dificultades para asumir o incremento de prezo de materias repetidas, polo que optan por estudos nos que perciben que o éxito está máis garantido. “Necesitamos mudar estas realidades, debemos deseñar as nosas estratexias e políticas de subvencións con perspectivas de xénero”, salientou a premiada, ao tempo que reclamou que “ao mesmo ritmo que cambian as xeracións que chegan ás aulas”, deben mudarse as liñas de actuación. “A revolución que necesitamos é o feminismo, acabemos co patriarcado”, concluíu Graña.

Manifesto do alumnado

No transcurso do acto, que foi conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e que contou coa intervención artística de Iseo a Moura, tamén houbo protagonismo do alumnado. Dúas alumnas, Lara e Rosalía, en representación de AUCE-Asociación Universitaria de Ciencias da Educación, que deron lectura a un manifesto no que lembraron que “como feministas, formamos parte dun movemento que cuestiona roles de xénero que afectan a todas as persoas, dunha protesta que busca acabar coa representación da muller como un obxecto sexual estereotipado, dunha reivindicación da diversidade de mulleres e corpos que discute os canons de beleza. Pertencemos a unha rebelión que cambia os modelos relacionais de parella e de familia. Formamos unha rede, unha rede formada polo 50% da poboación”.

Actividades en facultades, escolas e centros de investigación ao longo do día e da semana

Varios centros do campus de Vigo tamén se sumaron á celebración do 8M. Por exemplo, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu esta mañá a actuación dun dúo de jazz formado por Carmen Rosende Pereira (voz) e Alberto Sánchez Caseiro (piano) e pola tarde un dabate sobre o teito de cristal e fenda salarial, organizado polo alumnado e coa participación das docentes Coral del Río Otero e Sonia M. Rodríguez Parada.

Tamén a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo se sumou á celebración, neste caso, co ciclo 8M: Curtametraxes en feminino, que comprende a proxección esta tarde de cinco curtas: Anatomía dunha serea, de Adriana Páramo Pérez; Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez; Cosas de chicos, de Aldara Filgueiras; Rural es feminista, de Sara Brun Moreno e Xavi Berraondo Cavallé e Feminazi, de Diana López Varela. 

A EE Minas e Enerxía tamén apostou polo cine para esta conmemoración e puxo en marcha a terceira edición do ciclo (In)visibilidade das mulleres STEAM , que se celebra no museo Marco aberto a toda a cidadanía e que arrancou onte martes coa proxección de La costilla de Adan. A seguinte cita será o vindeiro martes, 14 de marzo, con El círculo. Xa no mes de maio será a quenda de dous documentais, o día 2 con Rafea: solar mama e a última sesión o martes 9 de maio con Picture a scientist.

Pola súa banda, as delegacións de alumnado das escolas de enxeñaría do campus de Vigo organizaron unha chocolatada solidaria na EE de Minas e Enerxía, cuxos beneficios serán doados á asociación MUM-Mujeres Unidas contra el Maltrato.

Tamén esta tarde, no marco de Athena- Advanced Technology Higher Education Network Alliance- celébrase unha mesa redonda en liña sobre os retos profesionais aos que se enfrontan as mulleres e as posibles estratexias para superalos. O debate conta coa participación das vicerreitoras Belén Rubio e Maribel Del Pozo. 

A Biblioteca Central tamén quixo unirse á celebración coa organización dunha mostra bibliográfica sobre pintoras que se poderá visitar dende esta tarde e ata o mes de abril.

Outro centro que se une á programación é o Cintecx, que o vindeiro venres ás 11.00 horas acollerá unha mesa redonda con mulleres profesionais para debater sobre as perspectivas da muller en diversos ámbitos da enxeñaría e a necesidade de realizar accións de fomento de vocacións nas nenas.