DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto ata o día 7 de novembro o prazo de inscrición na Competición en Bolsa e CRYptos

1 millón de euros (ficticios) para fomentar a cultura financeira e o coñecemento sobre os mercados bolsistas e de criptomoedas

O gañador do desafío será o que obteña maior incremento de liquidez neta

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 27/10/2022

Cinco días, unha conta virtual e un millón de euros. Este é o punto de partida da Competición en Bolsa e CRYptos organizada polo Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo co obxectivo de fomentar a cultura financeira e o coñecemento sobre o funcionamento dos mercados da bolsa e as criptomoedas. 

A competición desenvolverase entre o 14 e o 18 do mes de novembro e está aberta a calquera persoa, tanto da comunidade universitaria como da cidadanía en xeral, sempre e cando sexa maior de 18 de anos. O reto é, partindo dunha conta virtual (Paper Account) dun 1.000.000 de euros, obter o maior incremento de liquidez neta ao longo deses cinco días. Detrás desta iniciativa está o profesor Jorge Vila Biglieri que, xunto co asesor financeiro Pablo Iglesias Hernández, se encarga de organizar este evento dende hai tres anos. A competición desenvolverase a través do Student Lab de Interactive Brokers, no que participan 178 universidades e institucións formativas de 38 países, “catro delas universidades españolas”. 

Ao longo das cinco xornadas que dura este desafío, as e os participantes aprenderán “como comprar e vender cun 1.000.000 de euros en diñeiro de mostra”, adquirindo así “horas de voo”, algo que segundo recalca o docente é imprescindible para que “cada participante atope a súa maneira persoal de facer trading”, é dicir, operar con instrumentos financeiros co obxectivo de obter un beneficio. E é que como indica o profesor Vila Biglieri, “practicando durante un período non inferior a tres meses e comprobando que estamos obtendo rendemento, podemos comezar a traballar con diñeiro real e obter un rendemento que nos axude a compensar a crise e a inflación”. En todo caso, lembra, “a andar en bicicleta apréndese pedaleando e o trading apréndese practicando, cunha boa técnica, moita paciencia e  disciplina”.

Unha clase en liña previa ao inicio da competición

Esta iniciativa está aberta a calquera persoa que queira achegarse ao mundo da bolsa e non se require formación específica previa, aínda que antes de comezar a competición impartirase unha sesión formativa en liña, o día 8 de novembro ás 16.00 horas. 

Unha vez arranque o concurso, as e os participantes poderán investir “en calquera tipo de activos, como accións, opcións ou  futuros de entre os que están dispoñibles na plataforma”. Pero ademais dos produtos dos mercados bolsistas, a competición tamén aborda os mercados de criptomoedas. Como destaca o docente, a pesar de que coa caída do Bitcoin moitos inversores “tiveron fortes perdas, de entre un 50% e un 70%”, hoxe hai axencias que estiman que esta moeda “vai chegar ao millón de dólares a finais de 2030; está claro que as criptos viñeron para quedarse”. No que se refire estritamente á competición, e aínda que existe unha ampla oferta de “moedas apoiadas en proxectos interesantes, o Student Lab só nos permitirá investir en Futuros de criptomonedas que xa foron estudados e aceptados pola Comisión de Bolsa Americana (Security Exchenge Comission) oficialmente a cotización”.
 
Unha vez rematada a competición, as carteiras das persoas participantes ordenaranse atendendo ao incremento de liquidez neta neste período. O xogador que se clasifique en primeiro posto obterá unha matrícula de balde no Curso de Advanced Trading, mentres que o segundo clasificado poderá beneficiarse dun desconto do 50% e o terceiro do 25%. Os resultados da competición anunciaranse o 30 de novembro, tras a auditoría que realizará a comisión de control.

Na procura de talento financeiro

Esta competición forma parte dun ecosistema formativo da Universidade de Vigo que comprende tamén o Curso de Introdución á Bolsa, que coordina o profesor José Luis Sáez Ocejo e se imparte dende hai 20 anos, e o Curso de Advanced Trading, impulsado por este, xunto co propio Vila Biglieri, e cuxa próxima edición está prevista para o vindeiro mes de febreiro. 

“A longa tradición do Curso de Introdución á Bolsa na Facultade de Comercio e o Curso de Advanced Trading, con seis edicións, permiten crear uns grupos onde se xera un caldo financeiro especial que nos fai máis conscientes dos movementos dos prezos e, pouco a pouco, nos axuda a tomar mellores decisións financeiras”. De feito, un dos novos docentes do Curso de Advanced Trading, Alejandro Álvarez, “foi descuberto na primeira competición de bolsa”, mentres que algúns estudantes que participaron decidiron aproveitar esta experiencia para realizar o seu traballo fin de grao. En resumo, recalca, “esta competición permítesenos detectar o talento dos participantes, en especial dos nosos estudantes e aproveitar a sinerxía para descubrir técnicas operativas rendible”.

Inscrición

Todas as persoas interesadas en participar na competición deberán rexistrarse enviando un correo electrónico a competicionbolsa@uvigo.es, antes das 23.59 horas do 7 de novembro. En menos de 24 horas recibirán un email de confirmación xunto coa información inicial, regulamento, clave de acceso e contrasinal. O límite máximo será de 100 participantes e a matrícula é de balde.