DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa da Biblioteca Universitaria leva recollidos xa preto de 700 exemplares

O 10 de marzo comezará a venta solidaria de libros para axudar Haití

Con mesas ao longo da semana por todo o campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 03/03/2010

Os libros son transmisores de cultura pero tamén o poden ser de solidariedade e este é o espírito ao que apela a Biblioteca Universitaria na súa campaña de axuda a Haití. A través da recollida de publicacións entre a comunidade universitaria baixo o lema Hai algo en ti que podes compartir a finalidade é organizar a vindeira semana unha serie de mercadillos solidarios.
Ata este instante e incluso durante o período de venta seguiranse recollendo exemplares, que ata o de agora xa superan os 700. Segundo explica Paz de la Peña, da sección de adquisicións da Biblioteca Universitaria e unha das promotoras da iniciativa, “solicitamos a colaboración de todos os membros da comunidade universitaria, estudantado, profesorado, persoal investigador e de administración e servizos, para que doen dous libros por persoas por unha boa causa”. A idea é recadar o maior número posible de libros para posteriormente recadar a maior cantidade posible a través da súa venda, ao módico prezo de 4 euros, que serán destinados a Haití a través da Cruz Vermella.
Así, os interesados poderán achegar aqueles exemplares que xa teñan lidos aos puntos de recollidas situados nas diferentes bibliotecas dos tres campus e na conserxería da Reitoría. A súa venda comezará o vindeiro mércores 10 de marzo e alongarase con toda probabilidade ata o día 16.

Gratas sorpresas no proceso de recollida

Dende que comezou a campaña de recollida, explica Paz de la Peña, as sorpresas foron varias e moi gratas. A implicación da comunidade universitaria é unha delas, con arredor de 700 exemplares recollidos á falta dunha semana e de contabilizar as publicacións doadas nos campus de Pontevedra e Ourense e na biblioteca da Escola Técnica de Enxeñaría Industrial de Torrecedeira. Con todo, dende a organización seguen chamando á colaboración de todos ao tempo que destacan a grata sorpresa de terse topado entre o xa recollido con obras moi recentes e moita calidade, con autores galegos como Suso de Toro ou Manuel Rivas, con grandes super-ventas como Os piares da terra ou O código da Vinci, con clásicos de García Márquez, con obras de Almudena Grandes, Isabel Allende, Julio Verne ou mesmo co último de Javier Cercas, Anatomía de un instante, un dos libros máis lidos do 2009. En resumo unha escolma diversas que inclúe todos os xéneros e todas as épocas, “coas que tentaremos facer lotes que supoñan un reparto equitativo para os centros nos que se instalen os mercadillos”, explica de la Peña. Paralelamente, para aqueles que non queiran mercar libros pero si solidarizarse con Haití, as mesas contarán con petos para as colaboracións.

Datas case pechadas

O primeiro punto de venda situarase, a falta de pechar definitivamente o calendario, os días 10 e 11 no Centro Comercial de Cidade Universitaria e tamén o día 10 na Facultade de Filoloxía e Tradución. Xa o día 11 a venda será na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o 12 na Biblioteca Central e o 15 no Edificio de Ciencias Experimentais. “Sobre a marcha iremos vendo como responden os diversos postos e, de ser preciso, ampliaremos as datas” tendo previsto tamén poder fixar posto en Torrecedeira neses días.
Por outra banda, as novas tecnoloxías tamén supuxeron un achega importante xa que os promotores desta acción solidaria implicáronse na súa difusión a través das redes sociais abrindo perfís en Facebook e Twitter. “Ata agora estamos recollendo moi boas impresións, con moitas adhesións e mensaxes de ánimo”, conta Paz de la Peña, ao tempo que ofrecen información detallada e puntual sobre a recollida, as datas e a campaña para os internautas. No Facebook contan xa con 229 seareiros e “ se cada un deles doara os dous libros que agardamos por persoas xa xuntaríamos coa súa venda case 1000 euros só con eles”. Ademais, a organización destaca a implicación da Vicerreitoría de Relacións Institucionais nesta campaña e do estudo Sopa de Letras, que realizou o deseño da cartelería e marcapaxinas, “xa que sen a súa colaboración non poderíamos ter desenvolto unha campaña de difusión tan intensa na procura dunha universidade lectora e solidaria”.