DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man de ‘Plan Piel 2011’, o alumnado de Esdemga achegouse ás posibilidades desta materia prima na

100% pel natural para todos os gustos e para todos os petos

A pesar da crise, as grandes marcas retornan aos fabricantes europeos tras malas experiencias en Asi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 09/06/2011

A pel de animal acompáñanos desde a prehistoria, cando os nosos antepasados a empregaban para resgardarse do frío, e tamén segue vixente na actualidade pero cun cariz moi diferente, moi vencellada ao luxo, aínda que “se están a empregar para todos os gustos e petos”. Para achegar ao alumnado de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, a esta materia prima e as súas posibilidades creativas á hora de deseñar, contaron coa visita de Manuel Álvarez e Javier Gallego, profesionais do mundo da peletería, “un ámbito de traballo e de investigación moi interesante, cunhas grandes capacidades de innovación”, comentou Lola Dopico, directora de Esdemga.

Coa finalidade de dar a coñecer o sector e fomentar o uso da pel nos deseños, Álvarez e Gallego fixeron especial fincapé en que España “é un dos principais países europeos, xunto con Italia, na fabricación de artigos de complementos de moda en pel, recoñecidos tanto pola calidade como por unha boa man de obra”, comentaron. No territorio nacional, o máis demandada é a de cordeiro nacional, “porque a producimos aquí e tamén polas súas características de tamaño, de acabado e pola súa suavidade. Tal é así que un dos principais clientes é Loewe”, explicou Javier Gallego, xerente do Centro Tecnolóxico da Pel de Andalucía.

A pel sempre estivo considerada como un material caro, pero aclararon que existe unha gama moi ampla adaptada a todos os petos e a todos os gustos. “Se recorremos á pel vacúa, os prezos son bastante razoables, pero se falamos de serpentes auténticas que para poder empregar a súa pel fan falla determinados certificados, xa teremos que asumir que un centímetro cadrado equivale a 30 euros”, exemplificou Gallego.

As grandes marcas retornan a Europa

Recoñeceron que a crise económica mundial implicou un gran receso no sector, unido á “fuga” das grandes marcas a territorio asiático na procura de man de obra máis barata. Sen embargo, “a fabricación de artigos de alta gama está volvendo para Europa porque decatáronse da importancia dos coñecementos, da calidade e da innovación tecnolóxica”, apuntou Gallego. Engadiu ademais que o concepto de pel está a recuperar esa connotación de material nobre, “no que as grandes marcas volven confiar para amosar, a través do uso de bos materiais, ese valor engadido que os diferencia, e non soamente mediante intanxibles que acaban cansando”.

O referente, Andalucía

Esta conferencia celebrouse baixo o amparo do plan de promoción do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Plan Piel 2011, dirixido por Manuel Álvarez, membro da Cámara de Comercia de Industria de Cádiz. “Esta promoción encabézase dende Andalucía porque somos quen de facilitar unha visión máis próxima á realidade xa que no sur é onde se aglutina a maior parte das empresas produtoras de pel, representando un 35% da produción total nacional”, explicou Álvarez.