DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase en Ourense un foro destinado a amosar a estes axentes o potencial turístico da cidade

104 mananciais termais en busca da atención dos investidores

Pedro Araújo é o encargado de expor as características científicas dos afloramentos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 17/01/2013

Este xoves e venres o Concello de Ourense celebra o 1º Foro de Investidores Ourense Cidade Termal co obxectivo de dar a coñecer a representantes de empresas especializadas e sociedades de capital a potencialidade da cidade coma destino de investimento turístico. Para comezar a traballar, Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias de Ourense, é o encargado de expor este xoves aos asistentes as características científicas deste prezado recurso natural.

“A miña participación no foro é presentar dun modo moi sintético as características físicas e químicas do xacemento termal da cidade”, destaca Pedro Araújo. Dos datos compilados sobre esta materia, o profesor destaca que “Ourense é o espazo físico da Península Ibérica con máis mananciais e de máis alta temperatura, localizándose en total 104 puntos termais e 34 indicios de termalidade, que son estes últimos os que non cumpren o 100% das características dun manancial”.

Segundo salienta o decano da Facultade de Ciencias, o caudal termal de Ourense constitúe o segundo de Europa, pois conta como mínimo con 55 litros por segundo. “En definitiva, e desde o punto de vista científico, no xacemento da cidade temos un recurso natural grande, numeroso e moi potente, e eu engadiría que moi ben coidado”, destaca Pedro Araújo. A partir destas características, apunta, “xa é unha cuestión dos axentes pertinentes ver as posibilidades existentes para a súa explotación turística”. Deste xeito, no foro de investidores participan este xoves e venres os representantes das principais entidades locais, públicas e privadas, implicadas na dinamización deste recurso desde o punto de vista do turismo, como son, entre outros, o Concello ourensán e as empresas que xestionan os complexos termais da cidade das Burgas.

Un sistema de xestión xeográfica integral

Precisamente o grupo que dirixe Pedro Araújo, o Grupo de Investigación en Xeotermia e Hidroxeoloxía da Universidade de Vigo, realizou para o Concello de Ourense un sistema completo de información xeográfica que aglutina todos os datos científicos de cada un dos mananciais existentes na cidade. A iniciativa foi froito dun convenio de colaboración asinado en maio de 2012 para a creación dunha ferramenta que plasmase de xeito gráfico e accesible toda a información que se dispón sobre as augas termais ourensás. O sistema, xa entregado ao Concello, permite ter datos precisos das características de cada manancial, con cifras de lonxitude, temperatura, composición, niveis de contaminación, etc.. Unha información de utilidade que tamén permite ás institucións dispor dunha ferramenta para mellorar a xestión, a planificación e a protección deste prezado ben.