DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Remata no campus de Ourense a 10 Olimpíada Solidaria de Estudo

10.553 horas na biblioteca convértense en 10.553 euros solidarios

O diñeiro destinarase á recuperación de 14 escolas na República Democrática do Congo

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 11/12/2012
10.553 horas nas bibliotecas universitarias que se converten en 10.553 euros para as escolas da República Democrática do Congo. Este é o resultado da 10 Olimpíada Solidaria de Estudo que se celebrou no campus de Ourense do 5 de novembro ao 5 de decembro. Durante ese mes, 644 persoas que estiveron na Biblioteca central e nas salas de estudo dos edificios de Ferro e do Politécnico uníronse á iniciativa simplemente apuntando á saída as horas de estudo realizadas. Agora, un grupo de empresas colaboradoras da iniciativa transformarán esas horas, e as realizadas por toda a xeografía estatal, en diñeiro para unha causa solidaria.

Segundo explica Rosa Guerra, responsable da Oficina de Voluntariado do campus, a Olimpíada Solidaria de Estudo, organizada por ONG Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC co lema Ponte un 10, foi de novo un éxito na súa celebración no campus. Na Biblioteca central participaron 327 persoas que fixeron 6480 horas de estudo; no Edificio Politécnico, 117 persoas realizaron 1835,5 horas e no de Ferro, 200 persoas fixeron 2.237,5 horas. “A todos e cada un deles queremos agradecer a súa participación nesta iniciativa e a súa solidariedade”, destaca Rosa Guerra.

Nesta ocasión, o diñeiro recadado nos 15 países que participaron nesta acción solidaria destinarase á recuperación de escolas da zona de Kabare trala súa destrución durante o conflito bélico que padeceu a República Democrática do Congo. O diñeiro conseguido permitirá, segundo explica ONG Coopera, mellorar o ambiente de aprendizaxe e as condicións hixienico-sanitarias de máis de 4700 nenos e nenas a través da construción de aulas e latrinas, a dotación de equipamento de 14 escolas e o fortalecemento das capacidades do corpo docente congolés.

Segue a recollida de alimentos e xoguetes

A responsable da Oficina de Voluntariado do campus tamén quere lembrar que continúa aberta a campaña de recollida de alimentos, xoguetes e libros que se abriu o pasado 15 de novembro e que se pechará o 15 de decembro. Na entrada dos edificios de Ferro, do Politécnico, do Xuridico-Empresarial, do Administrativo, da Biblioteca e do Pavillón de Deportes están situados dous carros. Nun deles pódese depositar alimentos non perecedoiros, que serán recollidos polo Banco de Alimentos para a súa distribución na provincia. Sobre todo, os seus responsables destacan que precisan aceite, legumes, leite e azucre. No outro carro poden depositarse xoguetes e libros, novos ou usados pero en bo estado, que serán doados á Cruz Vermella.

O ano pasado, o campus de Ourense xa participou na Operación Quilo do Banco de Alimentos, recollendo no Nadal arredor de 1200 quilos de produtos. Este ano, os promotores da iniciativa salientan a importancia de incrementar esta cifra xa que a crise económica e o paro fan que este ano se incrementaran de 49 a 59 as entidades ás que subministran alimentos e de 6717 a 10.033 as persoas atendidas.