DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación de andainas culturais do Servizo de Deportes remata este sábado no Morrazo

11 rutas, 100 camiñantes en cada unha e un éxito que se repite

A cita consolídase ano a ano entre un público moi fiel

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 15/05/2012

Este sábado a programación deste curso das rutas culturais que organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo chega ao seu fin. Farao cun percorrido de dificultade baixa pero de moita beleza paisaxística polo Morrazo que, se o tempo o permite, rematará cun baño na praia. Con esta andaina finalizan as rutas 2011/2012, unha cita de referencia anual para a comunidade universitaria que nesta edición contou con once itinerarios nos que participaron arredor de 100 persoas en cada traxecto. Cun público moi fiel e novas propostas de percorridos cada curso, ano a ano esta iniciativa consolídase como un referente da actividade deportiva no campus ourensán.

A ruta do sábado día 19, de 20 quilómetros de extensión, seguirá o itinerario Cangas, Liméns, Praia de Nerga, Praia de Viñó, Praia de Barra, Cabo Home, Monte Facho, Donón e Vilanova. “Trátase dunha andaina moi sinxela de realizar e cun carácter fundamentalmente costeiro, pois iremos bordeando a costa, visitando as principais praias que nos iremos atopando e gozando da extraordinaria paisaxe da contorna”, explica José García-Calvo Willy, responsable das rutas culturais do campus de Ourense.

Traca final dunha programación de éxito

“Esta ruta será a traca final á programa deste curso e a despedida ata o vindeiro, cando volveremos a coller a mochila e a camiñar”, apunta José García-Calvo. Como nas anteriores ocasións, os participantes, arredor dun cento nesta ocasión, partirán do campus de Ourense ás 08.00 horas. Alén das habituais recomendacións sobre a indumentaria e equipo necesarios, neste caso os organizadores recomendan levar tamén toalla e traxe de baño, pois se o tempo permite haberá un baño final na praia e o sorteo de diferentes agasallos.

O itinerario polo Morrazo será o último dos once percorridos que se realizaron durante o curso 2011/2012 e que levaron aos participantes a coñecer a riqueza cultural de rutas históricas coma a da Vía Nova e a Vía da Prata, monumentos destacados, coma os Mosteiros de Santo Estevo e o de Montederramo, e zonas de riqueza natural como as Rías Baixas. Con respecto ao curso anterior a programación incluíu nove novidades entre as que o seu coordinador salienta as que se realizaron para coñecer os xacementos arqueolóxicos de Campo Lameiro, Barxacova e Santa Mariña de Augas Santas. “En moitos casos somos pioneiros en visitar estes xacementos e organizar rutas para coñecer os seus novos descubrimentos”, comenta José García-Calvo, que salienta o papel destacado neste logro de Martín Xosé Vázquez, arqueólogo que colabora na organización das rutas culturais no campus de Ourense.

Pensando en 2012/2013

Como valoración xeral da programación deste curso e tendo en conta as impresións transmitidas polos participantes, José García-Calvo salienta o seu excelente desenvolvemento. Por unha banda, non sucedeu ningún tipo de incidente nos itinerarios, tendo lugar todos eles segundo o previsto e sen que ningún dos participantes sufrise lesións ou calquera tipo de problema derivado do itinerario. Por outro lado, as novas propostas incluídas na programación, que supoñían nove dos once itinerarios previstos, foron moi ben acollidas polo público, que encheron en practicamente todos os casos as prazas dispoñibles.

“Todo isto non houbera sido posible sen a excelente colaboración do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, que nos dá todas as facilidades para a organización e celebración das rutas”, apunta o seu coordinador. Mentres remata a programación deste ano, José García-Calvo xa comeza a pensar na que será a proposta para o curso 2012/2013. Entre as posibilidade que manexa apunta que quizais este ano se acheguen á provincia de Lugo, visitando zonas como Os Ancares e a Ribeira Sacra lucense, e incluso ao Norte de Portugal, aproveitando o itinerario luso do Camiño de Santiago.