DUVI

Diario da Universidade de Vigo

11 Rutas Culturais permitirán coñecer a contorna histórica e natural de Galicia

Como novidade deste ano, realizarase o Camiño de Santiago en tres xornadas pola Vía da Prata

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 22/09/2009

Comeza o curso e retornan as clases, os apuntamentos, as horas de estudo… pero non vai a ser todo traballar, no campus tamén hai tempo para o ocio e a diversión. Un ano máis, os amantes do deporte e a natureza poderán desconectar do día a día e descubrir a contorna histórica e natural de Galicia coas Rutas Culturais 2009/2010.
O programa deste curso inclúe 11 saídas que se realizarán nas fins de semana do período de outubro a maio do ano próximo. Ademais, debido a que 2010 é ano Xacobeo, realizarase o Camiño de Santiago dende Ourense en tres xornadas de sendeirismo a través da Vía da Prata. Outras novidades da programación deste curso son a Ruta dos muíños do río Lonia e o río Barbantiño, a Ruta de Santa María de Augas Santas e a Ruta dos Mosteiros.

11 andainas para coñecer Galicia

As Rutas Culturais abren a súa programación o 24 de outubro coa andaina das Termas. Esta camiñada de baixa dificultade levará aos participantes a coñecer Lonia, Mende, O Castro de San Tomé, Chavasqueira e Outariz, rematando cun baño relaxante nas súas termas.
A Ruta dos muíños do río Lonia, novidade desta edición, será a cita do 7 de novembro, grazas a cal os aventureiros visitarán o embalse de Cachamuíña, A Chaira e Boeiros. Ao remate desta andaina celebrarase un magosto con chourizos, castañas e viño.As rutas a pé continuarán o 20 de novembro coa andaina Currosiana, que repite do ano pasado. Nesta camiñada aumenta o esforzo, xa que a dificultade é media.
Decembro e xaneiro traerán consigo dúas novidades: a Ruta do río Barbantiño e a de Santa Mariña de Augas Santas, de dificultade media-alta. Estas andainas levarán aos participantes a percorrer Amoeiro e Allariz. O primeiro mes do ano pechará elevando a dificultade ao nivel de alta coa andaina Serra do Xurés, que inclúe a visita ao Centro de Interpretación do Parque Baixa Limia-Serra do Xurés con sede en Lobios.
Febreiro chegará coa Ruta do Ribeiro e cunha cata de viños a cargo do Consello Regulador. En marzo outra novidade, a Ruta dos Mosteiros, que permitirá coñecer os conventos de San Pedro de Rocas e Santo Estevo.
O mes de abril ofrecerá dúas camiñadas, a da Vía da Prata e a do Mosteiro de Montederrramo-San Mamede. Ambas de case 30 quilómetros e de dificultade alta.
Maio pechará a programación das Rutas Culturais cunha andaina polo Canón do Sil e coa camiñada da Vía da Prata, unha novidade deste ano que permitirá realizar o Camiño de Santiago. O percorrido é de 107 quilómetros que se realizarán en tres etapas, os días 15, 16 e 17, e a dificultade é elevada. A andaina levará aos participantes a coñecer Cea, Oseira, Castro Dozón, Bandeira, Silleda e, por suposto, Santiago de Compostela. Ao remate da ruta, entregarase a cada participante a Compostelana, cartilla que certifica a realización do Camiño de Santiago por máis de 100 quilómetros.

Prezos e inscrición

Todas as rutas manterán a matrícula aberta ata cada martes anterior á súa realización. A inscrición poderá realizarse no Servizo de Deportes dos campus de Pontevedra e Vigo e no SIOPE do campus de Ourense.
O prezo por cada ruta será de 8 ou 13 euros, segundo se pertenza á comunidade universitaria ou non. No caso de elixir a realización de 5 rutas, a tarifa será de 35 ou 55 euros. O prezo polo conxunto das 11 rutas será de 65 euros para membros da Universidade e de 100 euros para os usuarios externos.
No tocante á Ruta da Vía da Prata hai só 40 prazas dispoñibles e os prezos de matrícula son de 100 ou 140 euros. A inscrición inclúe unha camiseta conmemorativa, o aloxamento nun hotel con media pensión, avituallamento durante a xornada con vehículo de apoio e o traslado para regresar aos lugares de orixe ao finalizar a camiñada. Na inscrición desta ruta terán prioridade para participar os membros da comunidade universitaria.

Outros datos de interese

Ademais de gozar da natureza e facer deporte, as Rutas Culturais traen consigo outras vantaxes. Por cada tres camiñadas, a Universidade de Vigo concederá un crédito de libre configuración, ata un máximo de dous. En cada ruta agasallarase aos participantes cunha Guía das Rutas Culturais e pola realización de tres ou mais camiñadas recibirán unha camiseta. Por último, entre o persoal da Universidade de Vigo que participase en seis ou mais andainas celebrarase un sorteo de dúas prazas gratuítas para a Ruta da Vía da Prata.
As saídas das rutas terán lugar dende o campus de Ourense ás 9 horas. Aquelas persoas que se inscriban dos campus de Vigo e Pontevedra serán trasladadas en autobús ata este punto dende os seus lugares de procedencia. O regreso ao orixe será arredor das 19 horas.
É importante lembrar que os participantes deberán levar a súa propia comida para cada ruta: bocadillos, froita, froitos secos e bebidas. Ademais aconséllase levar unha mochila pequena que conteña chuvasqueiro, paraugas, muda completa, calcetíns de reposto, navalla e cantimplora, e a partir do mes de marzo, viseira ou gorra.