DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enxeñería Industrial celebra o seu aniversario coa entrega da Medalla de Ouro a 14 exdirectores

111 anos de compromiso co desenvolvemento de Vigo e de Galicia

Presente, pasado e futuro da escola coincidiron nunha xornada histórica para o centro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío e M. Del Río DUVI 30/03/2012
A Escola de Enxeñería Industrial, centro decano da Universidade de Vigo, celebrou este venres o seu 111 aniversario cun acto no que pasado, presente e futuro se deron a man para recoñecer o importante papel de formación e de compromiso deste centro co desenvolvemento económico de Vigo e de Galicia. Con preto de 4500 alumnos e convertido no primeiro centro de educación superior do sistema universitario galego, a EEI recoñeceu tamén con este acto o “traballo e esforzo” dos exdirectores da escola a quen se lles fixo entrega da Medalla de Ouro do centro.

O número de matriculados, de egresados, de profesionais integrados como líderes das industrias máis relevantes de Galicia e os resultados acadados en investigación e transferencia foron algún dos exemplos aos que fixo referencia o reitor, Salustiano Mato, para subliñar a importancia dun centro “motor dun progreso de Galicia tallado no ADN de Vigo”. Non foi o único en gabar a escola, fixérono tamén o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e a tenente de alcalde, Carmela Silva, que insistiron na necesidade de investir en ciencia e tecnoloxía como único modo de poder competir nun mundo global. “Estamos perante os resultados dun magnífico traballo educativo”, subliñou o conselleiro, que fixo especial fincapé na longa tradición da escola co sistema de prácticas concertadas “o mellor xeito de que os estudantes lle devolvan á sociedade parte do que ela lle está a ofrecer”.

Medalla de ouro para os exdirectores do centro

“É hora de recoñecer o traballo, esforzo e compromiso dos que nos acompañaron nesta viaxe”. Con estas palabras o director da escola, Juan Pou, iniciou o intre da entrega de medallas aos exdirectores da escola. Lembrando “aos que xa non están”, tal como subliñou o actual director, entregáronse un total de 14 medallas. Virxilio Rodríguez de Miguel e Víctor Sánchez del Olmo, directores na década dos 70 foron os primeiros en recibir o galardón, mentres que Carlos Vivas e Luis González Piñeiro, que lideraron o proceso de unificación entre a escola técnica e a superior, completaron a lista de homenaxeados.

Virxilio Rodríguez, exdirector máis antigo, e Enrique Mandado, a piques de xubilarse, puxeron voz aos galardoados. Cunha intervención “crítica pero construtiva”, Mandado, que dirixiu a escola superior de 1979 a 1987, fixo fincapé na necesidade de seguir mellorando e de superar prexuízos como a falta de confianza nos produtos tecnolóxicos españois.

Unha escola de e para Vigo

111 anos de historia dan, precisamente, para moitas historias. Algunhas delas chegaron ata o día de hoxe narradas polo Cronista Oficial de Vigo, Lalo Vázquez Gil, e outras puideron escoitarse na propia voz dos seus protagonistas, antigos alumnos do centro que neste acto quixeron rememorar os seus anos universitarios. José Posada, enxeñeiro técnico industrial e José Antonio Freire, enxeñeiro superior, fixeron un percorrido polas horas de estudo pero tamén polas de lecer, como as que enchían as rúas de Vigo co Destornillo, “un desfile de ton crítico que chegaba a paralizar a cidade”, segundo Posada.

Pero a súa formación foi a que lles abriu as portas do mundo laboral e tamén no eido persoal. “No centro forxábase o carácter e a responsabilidade” explicaba José Posada, e temos que “agradecer aos profesores mesmos as inxustizas, porque nos prepararon para a vida real”.

Pola súa banda, Freire, director de Calidade da planta viguesa de PSA Peugeot Citroën, fixo fincapé no papel que a escola representou e representa para a cidade. Imaxinación e ilusión complementáronse con traballo e esforzo para formar enxeñeiro que traballan por todo o mundo “con orgullo e capacitación para estar ao nivel de calquera”, incidía o responsable de PSA. Con todo, Freire animou a todos a seguir traballando pola cidade e polo seu tecido empresarial, en especial polo sector naval, e remarcou a necesidade de que as universidades dean resposta ás necesidades da sociedade, tamén con respecto ás titulacións que ofertan.

Precisamente por parte das novas xeracións de enxeñeiros industriais interveu Ana Vidal, alumna de doutoramento que fixo un relato dos seus nove anos na escola na procura dunha formación de excelencia e vangarda que lle abra as portas do mercado laboral.

Vigo Tecnolóxico, a aposta de futuro

Nun acto no que houbo constantes referencias a difícil situación económica pola que se está a atravesar, o reitor vigués ‘abriu portas’ a novos campos de desenvolvemento que deben ser “a chave do nivel de vida e benestar dunha nova xeración na costa galega”. Nesta liña, defendeu o Vigo Tecnolóxico como “a aposta de futuro para a nosa Universidade”. Centrado en catro eixes estratéxicos –emisión cero, TIC, enxeñaría aerospacial e enxeñaría biomédica-, o reitor defendeu un proxecto “centrado na consecución práctica dos nosos procesos de fabricación, que son os que xeran tecido produtivo real e estrutural”.

As fortalezas do pasado en sectores como a automoción e o naval deben, a xuízo do reitor, dar lugar a propostas que poñan en valor as nosas capacidades, pero tamén a outras que complementen a evolución natural da actividade económica e da innovación. “As capacidades que demostramos na aeronaútica, no sector aeroespacial ou no tratamento dos composite deben ser compartidas coa industria para reforzar á nosa comunidade en capacidade competitiva”, subliñou, ao tempo que desexou “que saibamos compartir estes retos e que, algún día, outra xeración na Escola de Enxeñaría Industrial fale orgullosa deles”.