DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de Carlos Bravo emprega un innovador método para determinar a correlación de antioxidantes

111.000 euros para conseguir alimentos sans que duren máis tempo

Conseguiron unha das subvencións máis altas na última convocatoria de PEEM I+D e I+D Suma

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 11/03/2011
Noemí Rey | Vigo
En pleno estado do benestar, a sociedade vólvese fan dos alimentos funcionais, aqueles cunhas características nutricionais concretas que axudan a mellorar a saúde e a diminuír o risco de contraer enfermidades. Nesta loita a data de caducidade é crucial. No campo de batalla participa o grupo de investigación Cinética Química e Catálise Miscelar, liderado polo catedrático Carlos Bravo, e que vén de conseguir máis de 111.000 euros na última convocatoria da Xunta dentro da PEEM I+D e I+D Suma cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional correspondente ao 2010. Esta cifra supón unha das subvencións máis altas concedidas desta vez para a realización de proxectos de investigación aplicada dirixidos a diferentes tecnoloxías sectoriais, entre as que figura a de tecnoloxía da alimentación. “Nos tempos que corren son moitos cartos e con eles podemos contratar a unha persoa durante tres anos para traballar no proxecto que estamos a desenvolver”, explica Bravo, investigador principal do grupo.

Unha axuda que chega como caída do ceo, xa que nese “intento de buscar financiamento incluso participando en convocatorias europeas” atopáronse en moitas ocasións cunha avaliación moi positiva que non se materializou pola falta de orzamentos. “Son proxectos moi competitivos todos os que se presentan e nun momento no que hai restricións económicas o diñeiro non chega para todos”, lamenta Bravo, que recoñece que moitos bos estudantes renuncian á investigación pola carreira de obstáculos que supón, “unha aposta a longo prazo que non sabes se se vai truncar por unha nova crise”.

Un punto de vista diferente para unha vella demanda

Parte do mérito deste grupo de investigación radica na aplicación dun método innovador para determinar como se distribúen os antioxidantes dentro da emulsión dun alimento. Se durante anos traballouse en desenvolver un método analítico que determinara as cantidades máis pequenas de antioxidantes, o equipo de Carlos Bravo centrouse na determinación da constante de distribución desa sustancia. “Empregamos un método cinético para conseguir o cociente entre a concentración dun antioxidante en distintas fases e a partir de aí podemos determinar o nivel ou porcentaxe de concentración precisa”, explica Bravo. Logo o grupo utiliza protocolos xa establecidos para pescudar cal é a eficacia desa sustancia no sistema que estudan e analizan como se correlaciona.

Esta nova metodoloxía está a xerar moita expectación fóra das nosas fronteiras. Investigadores de Portugal, Alemaña e Estados Unidos xa mostraron o seu interese por esta técnica e nos vindeiros meses desprazaranse ata Vigo científicos de Nantes, en Francia, para poder desenvolver experimentos propios coa metodoloxía que o grupo de investigación vigués está a pór en práctica.

O proxecto está pensado para desenvolverse a longo prazo, por exemplo engadindo aos alimentos antioxidantes naturais que se poden atopar en produtos como o aceite, unha das materias que máis perdura no tempo sen necesidade de botarlle nada. Aínda que coas aplicacións prácticas pode darse un salto cualitativo na calidade de vida en moitas partes do mundo. “Co desenvolvemento destas técnicas podemos facilitar que os produtos se distribúan a países pobres e paliar os problemas de fame, porque moitas veces o problema non é enviar os alimentos, senón a rapidez coa que caducan. O camiño está comezado pero aínda queda moito traballo por facer, xa que a xente non se pode imaxinar a cantidade de antioxidantes, alimentos e sistemas que se poden crear. É practicamente infinita”, subliña o catedrático.