DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense contará con compañías de sete países

Do 12 ao 28 de abril, todas e todos á Miteu

A cita celebra a súa 23 edición convertida nun referente cultural da cidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
DUVI 26/03/2018

O humor, con nomes como Leo Bassi e Yllana; o compromiso social, con participación de grupos de Marrocos, Guinea Ecuatorial e Perú, e o achegamento a Portugal serán algúns dos eixos cemtrais deste certame. Unha edición máis o campus de Ourense terá un protagonismo destacado nesta programación coa actuación das súas aulas de teatro.
A presentación da 23 edición da Miteu tivo lugar este venres no Teatro Principal de Ourense coa participación dos representantes das entidades que a fan posible. Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou como se trata “dunha mostra comprometida co teatro que se fai na universidade” e destacou como “o que temos que facer é animar á xente a asistir, dicir todos eu vou ir á Miteu, que é o que asegura a súa pervivencia”. O vicerreitor do campus quixo recalcar “o traballo que hai detrás por parte de Sarabela Teatro”, subliñando como “é un luxo para Ourense ter un axente social coma este”.

Pola súa banda, Marisol Díaz, delegada da Xunta de Galicia en Ourense, destacou como a Miteu “xa forma parte da riqueza de Ourense” e avogou por “seguir mimando” unha mostra que, afirmou, xa “é un referente máis que consolidado” non só en Ourense senón tamén no ámbito galego. Destacando o traballo de organización que permite desenvolver este certame, Olga Mojón, directora do Teatro Principal, quixo salientar tamén a importancia desta cita e da colaboración existente entre as institucións para o seu mantemento. “Que viva a mostra”, afirmou pola súa banda Manuel Freire, técnico de Cultura do Concello de Ourense, que animou ao público a asistir aos espectáculos programados.

Diversidade na programación

Sobre a edición deste ano, as cifras dadas por Fernando Dacosta, director da Miteu e tamén das aulas de teatro do campus de Ourense, apuntan á participación de 28 grupos procedentes de España, Portugal, Italia-Estados Unidos, Canadá-Alemaña, Guinea Ecuatorial, Marrocos e Perú. Xunto a doce grupos profesionais, con nomes como Quico Cadaval, Leo Bassi e Yllana, actuarán 15 aulas universitarias de Galicia, Portugal, Andalucía, Navarra, Marrocos e Castela e León. Durante a presentación da mostra, Fernando Dacosta quixo reivindicar neste senso o teatro universitario galego como “clave” e “un modelo exportado”, facendo fincapé en como o circuíto creado en 1993 "mantense con moitas dificultades" despois de asistir á desaparición das aulas de teatro de Ferrol, A Coruña e Pontevedra.

Ademais de representacións teatrais, a Miteu contará con charlas posteriores ás actuacións dos grupos chegados de Perú, Guinea Ecuatorial e Marrocos no marco da aposta deste certame de dar espazo ás “voces acaladas”. Tamén haberá un curso formativo, actuacións musicais e animación de rúa. Á espera de saber cal será a resposta do público a esta programación, desde a organización salientaron que esta mostra soe chegar a 9000 espectadores en cada edición, destacando “os prezos moi populares que ten”.

A programación da mostra arrancará o día 12 de abril no centro da cidade coa actuación da Aula Universitaria de Ourense Rosaura, que representará o seu espectáculo Sen pés nin cabeza. A ela seguiranlle as demais aulas de teatro e danza do campus de Ourense. O día seguinte será o momento de Cordelia, que levará A nosa cociña ao Teatro Principal. O domingo 15 sairá a escena Geppetto, a aula de teatro infantil, que presentarán (Du)as viaxes de Gulliver. Pechando a mostra, a aula Maricastaña representará As ondas das pedras no río. Ademais, a aula de danza deste campus, Dou-tras, participará no 8º Encontro de Danza Interuniversitaria que se celebrará no marco da Miteu. A esta representación do campus de Ourense uniráselle a actuación da Aula de Teatro da Universidade de Vigo, que representará Paraíso no Teatro Principal. Xa como escenario, o campus de Ourense, concretamente a sala Emilia Pardo Bazán, acollerá as actuacións de La Red Teatro, que presentará El oxímoron de la abuela, e un curso de Javier Valencia, de Perú, cuxo alumnado tamén fará ao remate da formación unha actuación.