DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizarán ao longo do curso o Programa universitario para a o emprego e a vida autónoma

12 estudantes con diversidade intelectual comezan a súa formación nun título propio da UVigo

Impártese nos campus de Vigo e, como novidade este ano, no de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 07/11/2022

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, no campus de Ourense, e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, no campus de Vigo, acolleron este luns a inauguración do Programa universitario para a o emprego e a vida autónoma. Doce persoas con diversidade intelectual, seis en cada campus, cursarán desde agora e ata xuño este título propio da Universidade de Vigo que ten como obxectivo ofertar a este alumnado competencias que melloren a súa autonomía, formación académica e preparación laboral como cidadás activos.

O título, que se insire dentro da oferta da Escola aberta de formación permanente da UVigo e ten como directora académica a Noelia Rivera, desenvólvese en colaboración coas asociacións Down Vigo e Down Ourense, entidades especializadas na atención a persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual, e está financiado pola Fundación ONCE e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. María Isabel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, deu a benvida ao alumnado do campus de Vigo xunto a Francisco Torres, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, salientando que este programa é un paso máis no camiño “dunha universidade que aspira a ser inclusiva”. A responsable institucional recalcou que “estamos todos moi contentos coa acollida desta iniciativa” que, lembrou, arrancou o pasado ano no campus vigués cunha experiencia piloto e que “este ano consolídase, ampliándose ao campus de Ourense, e agardamos que o vindeiro curso poidamos organizalo tamén en Pontevedra”. A posta en marcha desta oferta na UVigo, dixo a vicerreitora, está na liña cos títulos propios no mesmo eido que xa se imparten noutras universidades españolas, neste caso coa característica, apuntou, de que se desenvolve en dous campus distintos.

En Ourense, onde o programa se leva a cabo por primeira vez, Mónica Villanueva, directora da Área de Coordinación do Campus de Ourense, foi a encargada xunto a María Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo, de dar a benvida aos seis rapaces e rapazas matriculados neste campus. Na súa intervención, a directora de área amosou a satisfacción da institución académica pola posta en marcha desta iniciativa tamén en Ourense e trasladoulle ás e aos estudantes presentes o seu desexo de que “vos encante o voso paso polo campus, que aprendades moito e vos divirtades”, recalcándolles que “agora pasades a ser xa universitarios e universitarias”.

De 18 a 29 anos

A matrícula para o alumnado está subvencionada na súa totalidade. Para presentarse as e os estudantes tiveron que cumprir unha serie de requisitos, como ter unha idade comprendida entre 18 e 29 anos; unha discapacidade intelectual recoñecida igual ou superior ao 33 %; estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; acreditar estudos formativos preuniversitarios adecuados para o aproveitamento da formación; capacidade de poder desprazarse con autonomía ao campus e ter unha conduta social axustada para garantir unha inclusión axeitada nunha contorna inclusiva como é a universidade.

As actividades formativas realizaranse en convivencia cotiá coa comunidade universitaria co obxectivo de acadar o enriquecemento que achega a diversidade, segundo explican desde a organización do programa. O alumnado recibirá unha formación interdisciplinar para mellorar a súa empregabilidade e competencias sociolaborais e favorecer a súa inclusión, con 300 horas de docencia e 100 de prácticas. Ao longo dos meses, as e os estudantes achegaranse a temas que abranguen desde as habilidade sociais e a orientación laboral, impartidas por persoal técnico das asociacións implicadas, ata temáticas específicas impartidas por profesorado universitario, como matemáticas, inglés ou finanzas. A idea é que nesta segunda edición, indican os seus responsables, se repitan e consoliden os excelentes resultados acadados pola experiencia piloto desenvolvida o pasado curso académico no campus de Vigo.

Cos rapaces e rapazas matriculados no campus de Ourense estivo este primeiro día, e estará ao longo do desenvolvemento do programa, Alba Freire, de Down Ourense, que subliñou na benvida que “estamos moi contentos pola posta en marcha desta iniciativa, é moi interesante que estes rapaces poidan entrar na universidade, que quizais é un ámbito no que non están tan integrados”. Con “moitísimas ganas e tamén algo nerviosos”, a técnica desta asociación apuntou que o alumnado afronta unha nova etapa na que, de luns a venres e ao longo de todo o curso académico, ata xuño, estarán cada mañá formándose nas instalacións universitarias e convivindo coa comunidade universitarias. “Para eles é unha oportunidade única de participar na universidade e de continuar aprendendo, algo que é moi positivo para a súa integración laboral e social”, afirmou.