DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra ‘Camiños no deseño. A terra na orixe’ pode visitarse no Pazo da Cultura ata o vindeiro 3 d

12 olladas, 12 camiños cos que volver á orixe da moda

Organizada pola Fundación Camiño Portugués de Santiago co apoio de Esdemga e comisariada por Lola Do

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
D. Besadío DUVI 11/01/2013

12 formas de botar unha ollada ás orixes da moda, 12 formas de amosar o lado máis descoñecido da creación. Desde o pasado 20 de decembro e ata o vindeiro 3 de febreiro o Pazo da Cultura acolle a mostra Camiños no deseño. A terra na orixe, un proxecto promovido pola Fundación Camiño Portugués de Santiago co apoio de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, e comisariada pola profesora e investigadora Lola Dopico.

Partindo do deseño e da súa relación coa creación de moda nos traballos seleccionados, “ás veces obxectos únicos, ás veces instalacións, obras efémeras ou coleccións de prototipos seriados”, aséntanse nun universo que emerxe vinculado a técnicas e oficios ancestrais como cestaría ou a olería. “As propostas presentes na exposición relaciónanse dalgún xeito coa paisaxe, a estrutura dos montes, a arxila que deles xorden e os xuncos das ribeiras”, explica a comisaria da exposición, que explica que os autores da mostra botaron man de materiais que están na orixe, “ás veces de xeito evidente, noutras ocasións máis soterradamente, pero queriamos prestar atención nesta revisión a importancia da dimensión ambiental”.

12 obras coas que, en opinión de Dopico, volver a ollada ás pegadas deixadas nos modos de facer e nos recursos produtivos dos deseñadores a través da existencia dunhas industrias artesanais e duns oficios que tiveron un impacto produtivo e cultural de gran percorrido en Galiza, algúns de tanto impacto e tradición como Sargadelos e outros tan ligados á paixase e aos tempos agrícolas como a cestaría. “Propostas híbridas que xorden nese espazo de fronteiras desbordadas, camiños emprendidos na exploración da tradición e a identidade cultural do país”, engade a comisaria da exposición.

12 camiños de exploración

Partindo da idea do ‘camiño’ como vía persoal de avance, superación e proceso, os doce artistas que participan na exposición amosan os seus propios camiños de exploración e indagación. Maioritariamente vinculados a Esdemga e con moita relación coa cidade de Pontevedra a mostra conta con traballos de Sara Coleman, Fernando Suarez, Jessica García, Silvia Moure, Saray Fernández Marqués, Isabel Mastache, Eva Soto, Silvia García, Esther Lebrato, Mercedes García, Xabier Lorenzo e De-Due Lab, o equipo creativo formado por Charo Froján e Alfredo Olmedo. “Tradición e contemporaneidade, produción local e mercado global, series limitadas fronte a produción de masas, un camiño aberto e cheo de interrogantes pero un espazo de produción artística plenamente actual”, subliña Dopico.

A mostra, de entrada libre, pode visitarse de martes a venres de 17.00 a 21.00 h; os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h e os domingos de 11.00 a 14.00 horas.

Catálogo da exposición (6,65 MB)