DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Simposio Internacional de Estudantes de Ciencias Forestais celébrase por primeira vez en España

120 alumnos e alumnas de todo o mundo debaterán sobre o sector forestal en Pontevedra

Enrique Valero recibirá no campus aos participantes á súa chegada a Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 31/07/2013
O campus de Pontevedra acollerá nos vindeiros días o Simposio Internacional de Estudantes de Ciencias Forestais, IFSS nas súas siglas en inglés, que organiza anualmente a Asociación Internacional de Estudantes de Ciencias Forestais, IFSA, e que este ano se celebra por primeira vez en España. Dentro do programa de actividades establecido pola organización para esta edición está previsto que os 120 participantes pasen seis días en Galicia, entre o luns 5 e o sábado 10 de agosto, intercambiando coñecementos e compartindo experiencias vinculadas co mundo forestal, antes de trasladarse a León e Madrid onde finalmente se dará por concluído este simposio o venres 16 de agosto.

O director da Escola de Enxeñaría Forestal Enrique Valero será o encargado de recibir no campus ao estudantado matriculado neste simposio e tamén á comisión organizadora a súa chegada á cidade do Lérez. Canadá, Corea do Sur, Indonesia, EEUU, Australia, Finlandia son algúns dos países de procedencia dos participantes da 41 edición dunhas xornadas nas que colaboraron activamente varios membros das delegacións de alumnos das escolas forestais das universidades Politécnica de Madrid, Politécnica de Valencia e da de Vigo, representada nesta ocasión polo estudante Pablo Rial.

O traballo diario que realiza en toda Europa a asociación IFSA é descoñecida para moitos tal e como recoñece o propio Pablo Rial. “Organizar o programa de actividades a desenvolver en Galicia foi todo un reto. Un traballo sumamente enriquecedor e gratificante”, salienta o estudante. “Mágoa que o labor desta asociación e o propio simpio sexan descoñecidos en España”, concluiu.

Asamblea Xeral e varios obradoiros

O programa de actividades deseñado polos organizadores contempla a celebración dunha Asamblea Xeral na que os integrantes de IFSA debaterán e aprobarán propostas relacionadas co día a día da asociación. A maiores, e como cada ano, está previsto que nesta xuntanza se decida quen será a persoa que ocupará o cargo de presidente ou presidenta durante os próximos 12 meses.

Á marxe dos asuntos da Asociación Internacional de Estudantes de Ciencias Forestais, a comisión organizadora promoverá a realización de varios obradoiros aproveitando as viaxes en autobús entre cidade e cidade. Esta actividade, na que os mozos e mozas estarán divididos en grupos de traballo, pretende ser un espazo de debate e reflexión sobre o futuro do sector forestal en Europa, sacando á luz a realidade deste mundo en cada un dos seus países de orixe.

Visita a diversos aproveitamentos e inmersión na cultura galega

Para a súa estancia en Galicia, o representante da Delegación de Alumnos da Escola de Enxeñaría Forestal do campus Pablo Rial organizou varias actividades entre as que destacan as visitas á fábrica de ENCE en Pontevedra ou aos aproveitamentos de FINSA no Courel (Lugo). Coa finalidade de achegar aos participantes ao día a día da comunidade tamén está previsto que realicen sendas excursión ás Illas Cíes, á cidade de Vigo ou unha ruta a pé polas montañas lucenses. Para mergullarse na cultura galega os 120 estudantes terán a oportunidade de coñecer “cousas tan típicas como unha queimada ou o son dunha gaita galega”, comentou Rial.