DUVI

Diario da Universidade de Vigo

120 estudantes comezan as clases do mestrado de profesorado no campus de Vigo na súa primeira edición

O curso presentouse este luns na facultade de Bioloxía, onde se impartirá o mestrado

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 11/01/2010

Un total de 120 alumnos dos 260 matriculados no mestrado de profesorado de educación secundaria obrigatoria, bacherelato, formación profesional e ensinanza de idiomas escolleron para cursalo o campus de Vigo, onde se imparte por primeira vez cun notable éxito de participación. O salón de actos da facultade de Bioloxía acolleu este luns a presentación para o estudantado do programa docente do mestrado da man da súa coordinadora, Antonia Blanco, que achegou aos asistentes información sobre a metodoloxía, horarios e materias do curso, composto de 60 créditos ECTS repartidos en tres módulos. Antonia Blanco salientou a necesidade de satisfacer a demanda que xa se daba anteriormente co Certificado de Aptitude Pedagóxica (CAP) achegando o mestrado tamén ao campus vigués. “A participación desta primeira edición en Vigo é todo un éxito” declarou Blanco, “e quedando representados os tres campus, supón unha demanda cumprida”.

Materias comúns on-line e múltiples especialidades

Para a correcta organización das materias impartidas no mestrado, o curso estrutúrase en tres módulos: o xenérico, o específico e o práctico. As materias comúns e obrigatorias para todos os estudantes atópanse no módulo xenérico, equivalente a 16 ECTS, que se impartirá de forma on-line a través da plataforma Tema, onde docentes e alumnado poderán acceder aos contidos correspondentes a cada materia, así como a os traballos dos estudantes. Por outra banda, o módulo específico (26 ECTS) engloba as materias vinculadas a cada especialidade, no que os estudantes poderán escoller entre Ciencias Experimentais, Ciencias Sociais, Humanidades, Formación Profesional, Linguas e Literatura, Arte e Orientación, todas elas ofertadas nos diferentes campus da Universidade de Vigo segundo o seu ámbito de estudo.“Intentamos que cada especialidade estivese ubicada nos campus nos que se imparten as titulacións coas que se corresponden as materias de cada unha delas” argumentou Blanco. Finalmente, os alumnos rematarán o mestrado co módulo Practicum, dividido en prácticas externas obrigatorias vinculadas á especialidade escollida polo estudante e o Traballo de Fin de Mestrado.

Ampliación de contidos co Plan Boloña

O novo mestrado de profesorado ampliou os seus contidos con respecto ao antigo CAP debido á adaptación da súa metodoloxía ao EEES. Deste xeito, o curso conta con novos complementos de formación que profundizan nos contidos de educación secundaria e tamén engadiu a investigación docente aos seus campos de estudo nas áreas correspondentes. Este cambio tamén afectou a outras materias, nas que se fixeron pequenas variacións co fin de cumprir coas guías docentes seguindo Plan Boloña.
Por outra banda, Antonia Blanco visitará ao longo da semana os campus de Ourense e Pontevedra co fin de presentar o mestrado de profesorado. As citas serán este martes 12 de xaneiro no Edificio de Ferro na facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e o mércores 13 na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra.