DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de José Luis González Cespón

A 120 km/h, o ruído dentro dun casco de moto é similar ao que existe na cabina dun caza reactor

Dende 1953 apenas se produciron melloras no illamento acústico deste elemento protector

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/07/2011

A 100 km/h, o ruído que un motorista soporta dentro do casco é similar ao que soporta un traballador cun martelo pneumático. Este é case o mesmo nivel sonoro que sufría un motorista hai máis de 25 anos, o que leva a pensar que dende 1973 apenas se desenvolveron innovacións nos cascos de motocicleta no que a ruído se refire. Este é o motivo da tese de doutoramento de José Luis González Cespón, profesor da Escola de Enxeñería Industrial, que se propuxo determinar cales son as causas de que o ruído sexa maior dentro que fóra do casco, un eido moi pouco estudado a pensar do uso estendido deste elemento protector.

O casco, elemento activo na xeración de ruído

Segundo González Cespón, o nivel sonoro no interior dun casco “cuantifícase en máis de 100 dB para velocidades superiores a los 100 Km/h, aproximadamente o que soporta un traballador con martelo pneumático; mentres, a velocidades de 120 Km/h, o nivel é de 108 dB, similar ao que existe no interior da cabina dun caza reactor”. Cales son as causas deste elevado nivel sonoro? Na procura da resposta o investigador parte dun premisa básica: “o casco é un elemento activo na xeración de ruído” e elaborou un sistema de ecuacións que permiten predicir o seu comportamento.

Deste xeito desenvolveu un protocolo de medición do ruído rexistrando os niveis sonoros de cinco cascos tipo integral (full face), que corresponden a diferentes fabricantes. “As velocidades consideradas para os diferentes ensaios foron 50, 80, 100 e 120 Km/h” e nas análises efectuadas empregouse como explica o investigador “dB con ponderación ‘Z’, en detrimento do dBA, por axustarse mellor á realidade do ruído percibido polo piloto”.

A conclusión obtida por González Cespón “corrobora la hipótese de considerar o casco como un elemento activo, amplificando enormemente o son no seu interior, no rango de frecuencias inferiores a 400 Hz”. É o aire que circula baixo a barbela e a golpea o que agudiza a resonancia que de por si ten o casco e, canto maio é a velocidade, máis vibración e máis ruído no interior.

Proxecto da Xunta de Galicia

Este traballo de investigación enmárcase nun proxecto da Xunta de Galicia que se insire no programa sectorial Deseño e Produción Industrial na modalidade de Deseño e Produción na Automoción. O obxectivo é o deseño e desenvolvemento dun novo casco de automoción de alto nivel de confort e seguridade, mediante a optimización baseada en simulación fluidodinámica, elastodinámica e dinámica estrutural. Neste proxecto, patrocinado pola empresa Tekplus, colaboran tres grupos de investigación da Universidade, o Centro de Ingeniería Mecánica y Automoción, CIMA, o CFD Simulation Group e Sonitum. No transcurso deste proxecto desenvolveuse un casco que recollía algunha mellora dos outros grupos. “No tocante ao ruído e, a pesar de ser de los menos ruidosos, non se puideron aplicar as conclusións da tese, fundamentalmente polo modo en que se fabrican so cascos na actualidade”. Con todo, presenta unha mellora que consiste en diminuír o espazo por onde entra o aire baixo o queixo.