DUVI

Diario da Universidade de Vigo

121 titulados de ADE e Economía saen á rúa con novos folgos para loitar contra a crise

O acto de graduación contou coa presenza do reitor e do director xeral de Caixanova como padriño

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 08/05/2009

105 estudantes da titulación de Administración e Dirección de Empresas e 16 de Economía, representantes dunha das xeracións mellor preparadas do país, graduáronse este venres no que é un dos momentos máis delicados para a economía mundial. Con todo, foi un acto cargado de emoción, risas e bágoas, moitas bágoas de ledicia, de agradecementos e tamén de despedida. Pola súa formación, estes novos egresados da Universidade de Vigo serán uns dos profesionais chamados a combater a crise global, un labor para o que, segundo o reitor, Alberto Gago, “estades moi ben formados e sodes o espello do noso traballo, unha parte irrenunciable da vida da nosa institución”. No transcurso do acto, apadriñado polo director xeral de Caixanova, José Luis Pego, autoridades e profesores coincidiron en salientar o futuro prometedor dos licenciados destas dúas titulacións, que como apuntou o reitor “seguides tendo fama de estar moi ben preparados o que vos garante forte oferta de emprego e éxito profesional”.
De cara ao seu inminente ingreso no mundo laboral, o padriño das promocións animounos a non deixar nunca de lado as emocións, “a sociedade precisa a axuda de xente que saiba dar respostas claras pero tamén infundir tranquilidade, e esa é a vosa responsabilidade de aquí en diante”, apuntou Pego.
O decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, José Santiago Gómez Fraíz, tamén animou aos seus estudantes no novo camiño que empezan e brindoulles toda a axuda que poidan precisar da Universidade no transcurso da súa vida laboral. Para o decano, o éxito depende da formación, da experiencia, das habilidades e da sorte e “convencido de que contades coas tres primeiras premisas, só me queda desexarvos toda a sorte do mundo”.

A crise, a outra protagonista

Como licenciados en Administración e Dirección de Empresas e Economía, no seu acto de graduación a actual conxuntura económica non podía pasar desapercibida, aínda que intercalándose entre as caras de ledicia e satisfacción polo traballo feito. Agradecendo a honra de ser elixido como padriño, José Luis Pego explicoulles que vivimos tempos interesantes e que “poida que todos nós teñamos a sorte ou a desgraza de vivir un momento histórico e somos privilexiados por poder facelo”, en referencia á saída da actual crise económica mundial. “Pode que sexades os protagonistas dun raro punto de inflexión, no que a historia xira, esperemos que para mellor”.
Neste sentido, e para loitar polo éxito profesional, o reitor salientou tres factores, “a formación, a decisión e a mobilidade; a formación xa a tedes e anímovos a non ter medo a tomar decisións e a facervos cidadáns do mundo”.
Pola súa banda, o decano do Colexio de Economistas de Pontevedra, Xoan Santamaría, salientou que, aínda que teñades rematada a carreira “ides vivir o Espazo Europeo de Educación Superior, pero ides vivilo dende a profesión, será un Espazo Europeo dos Economistas”, un escenario onde a mobilidade será unha das protagonistas.
Foi precisamente Santamaría o encargado de entregar as figuras conmemorativas aos tres mellores expedientes do curso pasado das titulacións de ADE e de Economía.

Un acto especialmente emocionante

O acto de graduación é posiblemente un dos momentos máis emocionantes, xunto co primeiro día de clase, na vida dos universitarios. Un acto onde os verdadeiros protagonistas son os novos titulados pero tamén as súas familias. O agradecemento da representante dos estudantes de Economía, Belén Pedrido, aos seus pais e a toda a súa familia e amigos polo seu apoio nos últimos anos contaxiou as súas bágoas aos moitos dos seus compañeiros, no momento máis emocionante da xornada. Entre ovacións e aplausos de todo o público asistente, a voceira dos seus compañeiros, fixo un percorrido “tratando de resumir cinco anos nun folio” e quixo substituír os adeuses por ata logos porque “formamos parte da historia da Universidade, pero a Universidade tamén forma parte da nosa”.
As bagoas deixaron paso aos sorrisos, incluso ás gargalladas, coa intervención dos representantes de ADE, Borja Crespo e Josué Gándara, que lembraron anos de estudo e traballo, pero tamén de amigos, partidas de cartas, festas, horas de cafetería, historias e grandes amizades. “Sabemos que non nos encontraremos con moitas facilidades, pero nestes cinco anos preparáronnos para que cando alguén teña que escoller un currículo, o elixido sexa o noso”.
E sendo os licenciados os protagonistas da tarde, os seus voceiros sorprendéronnos cun agasallo moi especial, a proxección das fotos de todos e cada un dos egresados nunha pantalla xigante. Trala sorpresa, entrega da orla e regalos ás autoridades académicas e o momento definitivo, a imposición das bandas e entrega dos diplomas aos novos titulados.
O acto pechouse co tradicional Gaudeamus Igitur, que deu paso ao que, segundo o reitor, “promete ser unha noite festa para lembrar”.