DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na quinta edición do maratón solidario

125 euros e 115 quilos de comida conseguidos a ritmo de aeróbic

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 12/12/2008

Ao ritmo da música dos pasos de aeróbic, os quilos de comida para o comedor dos Padres Franciscanos e os cartos recadados para Unicef foron aumentando no maratón solidario organizado pola Vicerreitoría do campus. Un cento de persoas animouse a participar nesta cita, que celebraba a súa quinta edición na que conseguiron reunir 125 euros e 115 quilos de comida non perecedoira. Todo cun obxectivo moi claro: achegar dun xeito lúdico un pequeno grao de area na atención aos máis necesitados. O programa Unidos por la infancia, unidos contra el sida que está desenvolvendo Unicef xa conta con 125 euros máis para esta campaña que pretende que os cativos VIH positivos non sexan sometidos ao esquecemento e busca para eles uns tratamentos accesibles, de baixo custe e adaptados ás súas necesidades físicas para que poidan desenvolver as súas vidas coma os outros nenos.
Pola súa banda, o comedor dos Padres Franciscanos, que diariamente dá de comer a máis de 80 persoas desde hai vinte anos, recibiu por anticipado un agasallo de Nadal xa que esta mañá se lle fixo entrega de dous carros repletos de comida.

Un acto solidario que se converteu nunha festa

Como broche final do acto a organización soltou uns globos que contiñan agasallos en forma de material deportivo cedido por Intersport Piñeiro, patrocinador do evento xunto co grupo alimentario Gadis. Bolsas, mochilas ou carteiras de firmas deportivas foron os detalles cos que as entidades que impulsaron o evento quixeron agradecer a participación do público, a súa solidariedade e o seu esforzo.