DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actos de graduación das primeiras promocións do Grao en Tradución e Interpretación e en Bioloxía

127 ‘coellos de indias’ para abrir camiño ás vindeiras xeracións

Loanzas, consellos e desexos de sorte para os que “estrearon” o Plan Boloña nestas titulacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 07/06/2013

Di un proverbio hindú que dos profesores e dos amigos apréndese moito, pero dos alumnos aínda máis. Esa é a sensación que lle queda ao equipo docente das primeiras promocións do Grao en Tradución e Interpretación e en Bioloxía, que tras catro anos de adaptación continua ao Espazo Europeo de Educación Superior quixeron agradecer aos seus novos 127 graduados e graduadas que “aguantaran estoicamente os nosos erros, porque neste maremagnum que é o Plan Boloña nos somos tan coellos de indias coma vos”. Consellos, loanzas e desexos de boa sorte para os 87 tradutores e os 40 biólogos que dende hoxe mesmo se enfrontan ao principio da súas novas vidas.

261 novos talentos saídos das aulas de Filoloxía e Tradución

Unha das “promocións simbólicas” da Facultade de Filoloxía e Tradución. Así se refería a profesora Elena Sánchez Trigo aos 87 alumnos e alumnas do Grao en Tradución e Interpretación 2009-2013 que esta tarde recolleron os seus títulos nun salón de actos ateigado de profesores, familiares e amigos. En boca dunha alumna por estar de viaxe de traballo, Sánchez Trigo recordoulles aos xa egresados que “a Universidade constrúese entre todos e vós sodes unha parte importante”.

Non son os únicos alicerces desta facultade que agora deben emprender o seu camiño fóra da Universidade de Vigo: este ano conseguen o seu título 261 estudantes da Facultade de Filoloxía e Tradución, dos que 133 son de licenciatura e 128 de grao. Das promocións 2008-2013 saen este ano 107 licenciados en Tradución e Interpretación, 11 en Filoloxía Inglesa, 9 de Filoloxía Hispánica e 6 en Filoloxía Galega, mentres que 24 alumnos e alumnas remataron o Grao en Linguas Estranxeiras e 17 o de Estudos de Galego e Español. Todos eles profesionais que agora deberán ter autoconfianza e espírito crítico para “construír un proxecto vital ambicioso pero humilde”, como lles aconsellou a profesora Iolanda Galanes, madriña do acto de graduación deste venres. “Que vou facer agora? En que vou traballar? Vou traballar? Quedar con esas preguntas é case garantía de coller as maletas e “Adiós ríos, adiós fontes…” que escribira Rosalía. Tedes que pór en valor a vosa parte máis interpretativa, artística e imaxinativa para construír o voso futuro”, recordoulles.

Anos de traballo e esforzo que agora dan os seus resultados e que supuxo “un comezo para vós, pero tamén para nosoutros”, como recordou a decana, Rosa Pérez, recordando a adaptación aos novos plans de estudos e métodos de Boloña. “Todos os finais son tamén principios e iso deixa un sabor agridoce porque, por un lado, está a ilusión de comezar algo novo pero, por outro, a tristura de deixar atrás o vivido e o medo de enfrontarse ao descoñecido”, salientou. Unha mestura de sentimentos que tamén quixeron deixar reflectidos os estudantes no seu creativo, humorístico e sentido discurso, no que non faltaron alusións a profesores, materias ou mesmo aos recortes en educación.

Un biólogo nos lugares e postos “máis insospeitados”

Multiárea, multiprofesorado, multipresentación… “multi todo”. A madriña da primeira promoción do Grao en Bioloxía, Fuescinla Mariño, definía así a carreira tras a implantación do Plan Boloña, uns cambios dos que os graduados esta tarde foron uns “coellos de indias” nos que as “promocións vindeiras verán uns irmáns maiores, porque vós achandáchedes o camiño”. Agora comezan a súa vida profesional, “unha carreira de fondo sen fin” na que a formación continua é imprescindible. Algo no que tamén insistiu o reitor, Salustiano Mato, quen lles quixo recordar que a Universidade de Vigo seguirá sendo o seu fogar sempre que queiran.

Os xa egresados deixan atrás unha etapa académica que se pecha e que abre unha porta a unha realidade laboral complicada en tempos de crise e na que deberán abrirse camiño con “esforzo, traballo persoal, constancia e perseverancia”. “Xa cumpríchedes uns obxectivos, agora hai que buscar outros, aínda que serán seguramente máis difíciles de conseguir. A vida non acaba no Padornelo, así que non hai que ter medo de saír ao estranxeiro, moitos de nos o fixemos; o que hai que procurar é regresar aquí, porque sería absurdo preparar a xente ao máximo nivel para que despois outro lle saque partido”, subliñou Jesús M. Míguez, decano de Bioloxía, durante a graduación celebrada no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais.

Un empurrón para seguir adiante que tamén quixo darlles o decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, Pelayo Míguez, quen salientou a importancia da curiosidade innata por seguir aprendendo que deben ter os profesionais deste eido. Grazas a “seguir preguntándose por que” xorden novas profesións, como a bioarquitectura ou a bioinformática, que leva aos biólogos a traballar “nos postos e nos lugares máis insospeitados”.