DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza o IX Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións

130 congresistas analizan a aplicación da estatística en sectores como a bioinformática, o ensino, o transporte, o turismo e a psiquiatría

Por diante tres días de traballo comunicacións, relatorios e mesas redondas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 12/11/2009
A estatística é unha rama das Ciencias que se dedica a analizar datos cunha compoñente aleatoria co obxectivo de extraer conclusións. É, xa que logo, unha ciencia transversal que toca moitas ramas do coñecemento, e é tamén unha ferramenta imprescindible no campo da informática.
Estatística e informática danse a man estes días no Centro Cultural da Deputación, co gallo da celebración do IX Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, un encontro que reúne na cidade a 130 matemáticos e especialistas na temática chegados dende todos os puntos de Galicia e tamén do norte de Portugal. Ao longo de tres días desenvolveranse un total de 65 comunicacións, ademais de sete conferencias, dúas mesas redondas e dous obradoiros coa finalidade de abordar as diferentes aplicacións da ciencia estatística na vida cotiá, e en sectores como a bioinformática, o ensino, o transporte, o turismo e a psiquiatría.

Unha ciencia transversal presente en moitas titulacións

Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense, presidiu o acto inaugural do congreso subliñando, precisamente, o carácter transversal que posúe a ciencia estatística. “A estatística é unha ciencia para pensar que está presente en moitas titulacións”, afirmou. José Ángel Vázquez Barquero, director xeral de Emprego e Promoción Económica, pola súa banda, fixo fincapé na importancia que ten para Ourense a celebración de eventos deste tipo, “non só porque posibilitan que sexan moitas as persoas que veñan e visiten a provincia, senón tamén porque permite que a actividade académica e investigadora do campus siga progresando”.
A apertura do congreso contou tamén coa presenza de Antonio Vahamonde Liste, presidente da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e Investigación de Operacións. Afirmou, na súa intervención, que “a estatística é unha ferramenta imprescindible para todos os campos do coñecemento e que forma parte dos coñecementos de calquera cidadán”. A sociedade que preside creouse no ano 1992 co obxectivo de potenciar e divulgar os avances no campo da estatística, unha finalidade que comparte tamén o congreso. Vahamonde Liste amosou o seu desexo de que o encontro sirva de plataforma “para a presentación de resultados científicos e técnicos, e tamén para establecer novas relacións entre os congresistas”. Un intercambio de coñecementos que redunde, en definitiva, nunha mellor aplicación das técnicas estatísticas nos diferentes ámbitos de estudo.

Intercambio de coñecementos sobre estatística e divulgación á sociedade

Bioinformática, ensino, transporte, turismo e psiquiatría son os cinco ámbitos que se van abordar neste IX Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións. De estatística e bioinformática tratou o relatorio inaugural do encontro, pronunciada polo profesor da Universidade de Barcelona Alexandre Sánchez. Pero a estatística xoga tamén un papel destacado no ensino, un aspecto que os organizadores do congreso queren tratar debido aos profundos cambios que se están a producir na metodoloxía da aprendizaxe, e que se abordará no evento con dous relatorios sobre esta temática.
O transporte, concretamente a optimización das súas redes, é unha problemática que preocupa na actualidade a moitos concellos e que se estudará tamén no congreso dende a mirada da estatística. Unha rama das Ciencias que ten tamén a súa aplicación en sectores como o turístico. Neste campo intervirá Teresa Guardia, do Instituto de Estudos Turísticos, que exporá as diferentes técnicas estatísticas usadas para a determinación de fluxos turísticos interrexionais en España no período 2004-2008. Unha mesa redonda sobre o uso da estatística e investigación de operacións no sector turístico completará o estudo desta temática
E a estatística tamén se aplica noutros campos como o da mediciña, e en sectores como o da psiquiatría. Kragh Andersen, da Universidade de Copenhagen, falará no congreso da utilización da metodoloxía estatística para tratar problemas de eventos recurrentes na epidemioloxía psiquiátrica.

Fortalecer os vínculos entre universidade e ensino secundario

O programa de actividades do congreso complétase coa celebración de dous obradoiros. O primeiro deles trata sobre a Estatística con Excel, e está orientado ao ensino secundario nun intento de fortalecer os vínculos entre a universidade e este sector. Segundo Tomás R. Cotos Yáñez, director do encontro, “trataremos de amosarlles aos profesores de secundaria cómo resolver problemas estatísticos coa folla de cálculo Excel, e cómo poden utilizar esta ferramenta nas súas clases”, explica. O segundo dos obradoiros tratará sobre R, unha ferramenta de software libre para a estatística.
Os congresistas tamén terán un oco para o ocio e o tempo libre cun programa social que inclúe unha visita guiada pola cidade e a visita ás bodegas Campante e ás termas de Outariz.