DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Congreso SAAEI 2012, organizado polas universidade de Vigo e Minho

130 especialistas de España e Portugal estudan a posta en marcha de consorcios en Automática e Electrónica Industrial

O encontro celébrase dende hoxe ata o venres na cidade portuguesa de Guimarães

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 11/07/2012
Dentro do ámbito de colaboración entre universidades de distintos países, a Universidade de Vigo e a Universidade do Minho uniron forzas na organización da 19ª edición do Seminario Anual de Automática, Electrónica Industrial e Instrumentación SAAEI 2012 que se inaugurou esta mañá na cidade portuguesa de Guimarães e na que se dan cita máis de 130 especialistas e investigadores de universidades, centros de investigación e empresas que aproveitarán o encontro para pór en común os resultados do seu traballo, intercambiar ideas e formar consorcios cos que acometer futuros proxectos con maior eficacia e impacto.

Ao fronte do comité organizador atópanse os profesores Alfonso Lago, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo, e Carlos Couto, do Departamento de Electrónica Industrial da Universidade de Minho, quen destacou que este encontro científico “de gran prestixio e tradición en España” celébrase este ano en Portugal “o que lle engade unha dimensión ibérica e supón para nós un desafío e unha responsabilidade”. Xunto a el participaron na inauguración Antonio Cunha, reitor da Universidade de Minho,; Paulo Pereira, presidente da Escola de Engehneria, e Francisco Abreu, en representación da Cámara de Guimarães, cidade que este ano celebra a capitalidade Europea da Cultura.

Nas sesións paralelas presentaranse 150 artigos

Aberto a investigadores de todo o mundo, o SAAEI é o congreso de referencia no ámbito español nos campos da automática, a electrónica e a instrumentación. Co español, o portugués e o inglés como linguas oficiais, o congreso articúlase por áreas temáticas nas que se organizan os 150 artigos que se van presentar dende hoxe ata o vindeiro venres. “O que fixemos foi agrupar aos investigadores que traballan nos mesmos campos, facilitando o obxectivo exposto de intercambio de ideas e a divulgación de resultados de investigación”, subliñou o profesor Alfonso Lago, ao tempo que explicou que as principais áreas temáticas do congreso son: electrónica de potencia; enerxías renovables, control, calidade e eficiencia das redes eléctricas; mobilidade eléctrica e electrónica do automóbil; sistemas de automatización e robótica e sistemas de instrumentación e medida.

Xunto ás sesións paralelas o programa inclúe dúas conferencias plenarias e unha mesa redonda. Francisco Sánchez Pons do CTAG de España e o profesor da Universidade do Porto João Abel Peças protagonizarán as dúas sesións plenarias nas que afondarán sobre as oportunidades dos coches do futuro e as tendencias que chegan no mundo das redes intelixentes. A mesa redonda centrarase sen embargo nas diferentes ferramentas de apoio á docencia.

No 2014 a cita será en Marrocos

Conseguida xa a súa madurez e estabilidade, o congreso busca agora aumentar a súa influencia máis alá do contexto nacional, polo que xa foron varias as ocasións nas que esta cita se celebrou fóra de España: Matanzas en Cuba, Toulouse en Francia; Poboa en México e Guimarães en Portugal. Para o 2014 a previsión é que se celebre en Marrocos, se ben aínda está sen determinar si será en Tetuán ou en Tanxer “aínda que sen perder de vista nunca as raíces nacionais do encontro nas que se sustenta a súa estabilidade”.